VÍDEO.- Celme presume en Qatar de cultura galega con motivo do Mundial
Por Redacción
A selección española de Luís Enrique gañaba este mércores 7-0 a Costa Rica. Pontevedra estivo alí representada pola agrupación folclórica Celme, que preside Enrique Domínguez, bailando durante cinco horas e en catro escenarios para tamén asistir despois á vitoria española.
Johnny Güimil é un dos doce bailaríns de Celme e este xoves era entrevistado no Galicia por Diante da Radio Galega por Kiko Novoa para relatar esta experiencia que se xestou hai quince días, a través da invitación que a Federación Internacional de Folclore europeo trasladou a Domínguez. Durante ese tempo aceleraron os ensaios co obxectivo de difundir a cultura galega e pontevedresa a todo o mundo no escaparate que ofrece o Mundial de Qatar.
Güimil expresaba que se xerou polémica por esta invitación ao país árabe pero sinala que eles queren aproveitar a oportunidade para "mostrar a cultura e ensinar Galicia a millóns de persoas". Afirman sentirse orgullosos e emocionarse con esta oportunidade. Os integrantes da única agrupación cultural española invitada a este evento indican que tampouco están a observar limitacións xa que mesmo chegaron a cantar e a bailar no metro "sen ningún tipo de problema" ante a policía catarí.
Explicou que non puideron viaxar as gaiteiras da agrupación porque por problemas organizativos non se permitía levar a músicos. Trátase da primeira vez que os integrantes de Celme bailan sen música en directo. O son empregado foi gravado en tempo récord no Estudo Bonobo de Pontevedra para poder utilizalo nesta cita futbolística.
Enrique Domínguez, na mesma entrevista, destacaba tamén a importancia de mostrar vestiario, música e bailes galegos a todo o mundo desde Qatar. Os doce bailaríns de Celme acompañarán á selección durante toda a primeira fase, con previsión de regreso a Pontevedra o 2 de decembro.