A compositora Elsa Muñiz suca cun piano de cola a Ría de Arousa dentro do proxecto O Teu Xacobeo
Por Redacción
A pianista Elsa Muñiz ofrece unha orixina proposta escénica con 'Navegando o Camiño', un proxecto no que se une o itinerario xacobeo coa música e a creación audiovisual. Esta iniciativa presentábase no Pazo de Goiáns o venres nun acto que contou coa presenza da nova compositora e tamén co fundador da Asociación de Amigos do Camiño de Barbanza e Arousa, Manuel Mariño.
'Navegando o Camiño', que se inclúe no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, presenta á artista navegando cun piano de cola mentres realiza o percorrido do roteiro marítimo fluvial que avanza entre as bateas da Ría de Arousa e tamén polo río Ulla.
As imaxes mostran a riqueza da paisaxe e do patrimonio desta vía xacobea, enmarcada polos portos de Ribeira e do Grove. O traballo audiovisual de Sonaxe Producións tamén conta coa presenza de Cristina Cerqueiras, unha influencer que ten máis de 420.000 seguidores na rede Instagram.
Nas redes sociais de Tik-Tok, Instagram e Facebook realizouse unha preestrea para chegar a un público novo. Agora xa se pode ver completo en Youtube na canle de Elsa Muñiz, unha creadora emerxente de Boiro que en 2018 publicou o disco 'Memories' co que superou os dous millóns de escoitas en Spotify co seu estilo denominado "pianotelling" combinando microrrelatos autobiográficos coa música instrumental. Entre outros traballos, Muñiz é autora de 'Angrois', publicada en memoria das vítimas do accidente ferroviario en 2020.