A Coral Airiños de Campañó representará este sábado un espectáculo de Zarzuela no Pazo da Cultura
Por Redacción
A Asociación Cultural Coral Airiños de Campañó continúa co seu proxecto musical e escénico iniciado no ano 2012 coa representación dun espectáculo a cargo de artistas non profesionais, sempre acompañados por orquestras de cámara ou pianistas de recoñecido prestixio.
Ao longo de varios meses prepararon unha función de zarzuela que será representada este sábado 3 de decembro de 2022 ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A entrada será libre ata completar a capacidade deste espazo.
O coro da asociación preparou as interpretacións, a coreografía e a figuración desta montaxe que será dirixido polo director pontevedrés Jacobo García González, licenciado superior en violoncelo no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde destaca como tenor solista, con ampla experiencia na dirección coral.
A posta en escena estará acompañada pola interpretación ao piano do música Cándido Cabaleiro Paz. O espectáculo dura ao redor dunha hora con prioridade de escenas musicais con fragmentos teatralizados.
O programa para esta sesión ofrece unha parte da zarzuela 'La del Soto del Parral', a ópera e zarzuela cómica Don Gil de Alcalá; Os Nardos, que forma parte do xénero escénico musical da Revista española As Leandras. Tamén se presentarán varios actos de 'El Barberillo de Lavapiés' como son Coro de las Costureias e o Coro de Estudantes y Magas, no que se recolle un argumento histórico das intrigas políticas do Madrid da época.
Ademais ofrecerán unha versión do Coro de Repatriados, unha xota aragonesa da coñecida zarzuela 'Gigantes y Cabezudos'. Por último, a Coral Airiños de Campañó ofrecerá dous actos de 'La Verbena de la Paloma' como son as Seguidillas e as Coplas de Don Hilarión, que mostran as intrigas amorosas de celos e namoramentos imposibles.
A agrupación, coa colaboración para esta representación do Concello, desenvolve tamén o deseño de vestiario, iluminación e de escenografía deste espectáculo.