'Jacinto' pecha o Ciclo de Cine Mestre Mateo en Cambados
Por Redacción
Este sábado 3 de decembro, ás 20.00 horas, o Auditorio da Xuventude no municipio de Cambados acolle a última proxección dentro do Ciclo de Cinema Mestre Mateo, coa presentación da película 'Jacinto'.
Este traballo inclúese dentro do xénero de terror e é un proxecto guionizado e dirixido por Javi Carrera. A trama sitúase nos montes de Lugo e o intérprete protagonista é Pedro Brandariz, o actor natural de Oleiros falecido en febreiro deste 2022.
O argumento da película céntrase na relación que se establece entre Jacinto e a súa familia con dúas mozas procedentes de Suecia que chegan á súa zona de residencia. A crítica compara este traballo con 'A matanza de Texas' e tamén co cinema fantástico español. A banda sonora do filme pertence ao compositor Wenceslao Lama.
O Ciclo de Cinema Mestre Mateo ofreceu ao longo do ano películas que foron premiadas dentro da produción filmíca galega. A entrada a esta proxección é libre ata completar a capacidade do auditorio.