Nace o ciclo 'Imperdibles', con concertos de Ana Moura, Fanfarlo, Vetusta Morla + Zoé e Eli Paperboy Reed
Por Alejandro Espiño
Ofrecer concertos pouco habituais ou especiais. ÿ o que propón o ciclo Imperdibles, que nace en Pontevedra con vocación de converterse nunha cita obrigada e estable para os amantes da boa música. Será o prato forte da programación musical do Pazo da Cultura para o primeiro semestre de 2014. Son catro concertos, todos eles protagonizados por artistas de proxección internacional, pero xa se estuda amplialo se o público responde.
"Pontevedra é un espazo ideal para propostas tan especiais coma esta", destacaron os promotores destes concertos, Julio Gómez (SinSal Audio) e Joaquín Martínez (Esmerarte). O primeiro traerá a Pontevedra á fadista Ana Moura, mentres que Esmerarte aposta por "tres propostas diferentes, artistas que son difíciles de ver" como Fanfarlo, Vetusta Morla + Zoé e o estadounidense Eli Paperboy Reed.
O primeiro dos concertos (25 de xaneiro) será o de Ana Moura. Será o único no Teatro Principal. A fadista portuguesa "tiña moita ilusión por volver a Galicia e especialmente por vir a Pontevedra, pola conexión da cidade coa lusofonía", segundo Julio Gómez. Fará un repaso á súa exitosa carreira, centrándose especialmente en Desfado, o seu quinto disco, co que busca globalizar este xénero musical luso.
Fanfarlo, unha das grandes revelacións musicais que saíron do Reino Unido nos últimos anos, presentará Let's Go Extinct, o seu terceiro disco, o 15 de febreiro no Pazo da Cultura. Un disco no que retomarán o espírito do seu debut, conectado coa esencia do Young Americans de David Bowie, reinventando as guitarras convencionais e potenciando o seu folk-up orquestado e luminiscente.
En 2014 Vetusta Morla regresa aos escenarios para presentar La marea, o seu novo disco, que se editará na primavera. O Pazo da Cultura recibiraos o 1 de maio e virán acompañados de Zoé, unha das bandas mexicanas máis potentes do panorama actual. Traerán, segundo Joaquín Martínez, a súa propia escenografía e imaxe acorde coa xira de presentación, coa que buscan estrear o seu disco "non en festivais, senón en auditorios".
Vetusta Morla xa confirmara datas na Coruña e Vigo, tamén con Zoé, pero se alguén quere cambiar as entradas dalgunha das dúas cidades polas de Pontevedra poderá facelo de forma gratuita a través de info@esmerarte.com.
Para rematar, Eli Paperboy Reed actuará o 14 de maio no Pazo da Cultura. O artista estadounidense presentará o seu novo disco, que publicará o próximo ano. Será unha oportunidade única para gozar deste músico que sacudiu a escena musical en 2005 coa súa descarada mocidade e un incrible estilo clásico, coma se as grandes voces do soul e do R&B converxeran na súa persoa. A voz, o baile e o seu estilo á guitarra conquistarán ao público.
As entradas para todos estes concertos, salvo o de Ana Moura, están xa á venda en www.servinova.com e www.ticketea.com. Os seus prezos oscilarán entre os 18 euros de Fanfarlo e Ana Moura e os 24 euros de Eli Paperboy Reed ou os 25 euros de Vetusta Morla.
Relacionadas:
-
Pontevedra, primera parada da xira española dun Eli 'Paperboy' Reed renovado e máis pop
Por Redacción |
-
Vetusta Morla: "O de Pontevedra será un concerto moi potente. As cancións novas achegan un extra de enerxía"
Por Alejandro Espiño |
-
Así é "La Deriva", o disco que Vetusta Morla presentará en directo o 1 de maio en Pontevedra
Por Redacción |
-
Noite 'Imperdible' no Pazo da Cultura: Pontevedra vibra coa música de Fanfarlo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Fanfarlo: "Sempre conectamos moi ben co público español. ÿ un sitio magnífico para comezar a xira"
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Moura enche o Principal ante as protestas do público que quedou sen entrada
Por Diego Torrado |
-
Ana Moura, a nova 'raíña' do fado abre no Teatro Principal o ciclo Imperdibles
Por Redacción |
-
Máis 'Imperdibles': Lilies On Mars acompañarán a Fanfarlo no seu concerto en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |