'Desmontando a propaganda franquista' na Deputación
Por Redacción
A Deputación presentou este mércores 'Desmontando a propaganda franquista', unha publicación do departamento de Memoria Histórica que recolle máis de 300 imaxes e 20 artigos de persoas investigadoras e que busca deixar en evidencia o relato do réxime.
"Só desmontando a súa propaganda conseguiremos construír unha sociedade máis democrática e equitativa, sen caciques nin prebendas. Unha sociedade que forme á nosa mocidade nos valores de equidade, transparencia e xustiza social que esixe calquera democracia", defendeu a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, sinalando o libro como a publicación máis ambiciosa do seu departamento.
Ortega expresou o seu desexo de que o libro sirva para espertar sobre todo en novas xeracións investigadoras "a arela de saber".
"Para iso fixemos este libro: non se trata de saldar contas co pasado senón de ofrecerlle ao futuro unha visión poliédrica da historia, afastada do relato único e tramposo que perpetuou o franquismo. Porque, como tan ben se explica no libro, daqueles pos ven esa lameira na que hai quen se empeña en converter a política. Atoparedes na súa lectura moitos apelidos daquela que seguen resoando hoxe. E con eles, os seus xeitos caciquís de facer política", destacou.
Para non perpetuar o relato franquista entende a deputada que era necesario contextualizar as imaxes da Xefatura do Movemento na década dos 50 das que dispón o Arquivo Provincial, e que persoas expertas explicasen o que se pode ver e non ver nelas.
Na presentación do libro, que inclúe textos xenéricos sobre propaganda e concretos sobre as comarcas da provincia, participaron como relatores o responsable de fondos audiovisuais do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, José María Cumbraos; a escritora e técnica provincial Montse Fajardo; e un dos vinte autores participantes na obra colectiva, Antón Mascato.
Relacionadas:
-
Presentan 'E se fose hoxe?', un proxecto fotográfico para "coñecer as vítimas do 36 dun xeito máis humano"
Por Almu Dapena |
-
'Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra' proxéctase o mércores 25 no Cine Seixo
Por Redacción |
-
Convidan á cidadanía a "sacar do caixón" arquivos, cartas ou fotografías de familiares vítimas do franquismo
Por Almu Dapena |