Pontevedra redescubrirá en 2014 o "inxustamente esquecido" Víctor Said Armesto
Por Natalia Puga
Víctor Said Armesto (Pontevedra, 1871 - Madrid, 1914) foi un dos impulsores da Academia Galega, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa da Universidade española, escritor, investigador, poeta, músico... E, malia todo, a súa figura é "inxustamente descoñecida" en toda Galicia e, en particular, na súa Pontevedra natal.
Para paliar esta situación, o próximo ano 2014 a Deputación Provincial, o Museo do Pobo Galego e a Fundación Barrié organizarán unha serie de actos conmemorativos do centenario do seu falecemento.
As tres institucións asinaron este venres un convenio de colaboración que permitirá a celebración dun ciclo de conferencias en Pontevedra, dous simposios en Santiago de Compostela e un simposio na Coruña entre setembro e novembro de 2014, todos eles orientados a afondar no coñecemento e a divulgación da figura deste ilustre pontevedrés.
O presidente da Fundación Barrié, José María Arias, sinalou que Said Armesto "non é so unha figura senlleira do pasado intelectual da nosa cultura, senón propiamente unha das figuras que acompañan o noso día a día" e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González, destacou a importancia destes actos para permitir un "redescubrimento dunha figura inxustamente esquecida".
Carlos Villanueva será o coordinador xeral dos actos e destacou que Said Armesto é "un personaje realmente notable" en sectores como a literatura, a música ou a política mentres que o presidente da Deputación, Rafael Louzán, aplaudiu que o completo programa de actos deseñado permitirá que o intelectual pontevedrés "teña o recoñecemento que merece".
No marco deste convenio, a Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, organizará un ciclo de conferencias aberto e presentará un documental sobre a vida e obra de Said Armesto, elaborado por J.A. Durán. Este ciclo de conferencias estará coordinado polo director do Museo, José Carlos Valle Pérez.
Pola súa banda, a Fundación Barrié e o Museo do Pobo Galego responsabilizarase da organización dun simposio científico, no que recoñecidos especialistas de diversas universidades estudarán aspectos da vida e obra de Armesto.
O simposio estará organizado en tres mesas, dúas das cales ('Ideoloxía Política en Said Armesto' e 'Víctor Said, folklorista e etnógrafo') se celebrarán en Santiago, baixo a coordinación de Justo Beramendi González e Carlos Villanueva Abelairas, e a outra ('A literatura e o mundo literario do seu tempo') en A Coruña, coordinada por Margarita Santos.
Ademais, tal e como se puxo de manifesto durante a sinatura do convenio, está prevista a celebración de outras actividades culturais orientadas a difundir a figura do intelectual pontevedrés. Entre elas, inclúense diversos concertos musicais e proxeccións de vídeo.