Cen anos de Mariví Villaverde: "Co seu exemplo, seguiremos avanzando en verdade, xustiza e reparación para as vítimas do franquismo"
Por Redacción
O Pazo Provincial acolleu este venres unha homenaxe á escritora e activista pola memoria histórica de Vilagarcía Mariví Villaverde con motivo do centenario do seu nacemento.
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, quixo recordar este centenario coa reedición do seu libro Tres tempos e a esperanza, unha publicación xa descatalogada e moi difícil de conseguir, e a estrea da curta documental ’Mariví, na pel da memoria’, das directoras Coral e Laura Piñeiro.
Todo tivo lugar no Pazo Provincial, nun acto presidido pola deputada de Memoria Histórica, María Ortega, no que participaron as responsables e o guionista do audiovisual Bruno Arias, así como unha das principais biógrafas de Mariví, Marga Do Val.
Entre o público estiveron tamén representantes da súa familia, como o seu fillo José Ramón, así como outras persoas que participaron na posta en marcha da homenaxe como 'comité asesor': Carme Vidal, Xoán Carlos Garrido e Luís Bará.
A deputada nacionalista destacou que Mariví Villaverde é un "exemplo perfecto" do tempo do exilio, xa que tivo que marchar por ser filla do primeiro alcalde republicano de Vilagarcía, Elpidio Villaverde; da resistencia, na que traballou xunto á súa parella, Ramón de Valenzuela; e da loita polos ideais e a memoria.
"Mariví foi quen de converter a rabia en discurso. En toda Galiza, pero en Pontevedra especialmente, tivemos a impagable sorte de poder escoitar da súa voz o que significaron o golpe e o exilio. E pouca xente defendeu como ela a importancia de loitar contra o esquecemento. (...) Co seu exemplo, seguiremos avanzando en verdade, xustiza e reparación para as vítimas do franquismo e as súas familias. Porque só así poderemos gabarnos de democracia", destacou Ortega.
Mariví Villaverde formou parte do Consello Asesor da Memoria, participou nos actos do Ano da Memoria, foi premio Galiza Mártir e foi a autora dun dos libros que, "desde o meu punto de vista, mellor reflicte a quebra social que supuxo o golpe", Tres tempos e a esperanza.
A biógrafa de Mariví, Marga Do Val, destacou a importancia da reedición do libro, no que se escriben en primeira persoa as vivencias dunha muller que "tivo a sorte de ser quen era, na familia que lle tocou vivir, comprometida coa República, co pasado e a verdade histórica".
Relacionadas:
-
'Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra' proxéctase o mércores 25 no Cine Seixo
Por Redacción |
-
Convidan á cidadanía a "sacar do caixón" arquivos, cartas ou fotografías de familiares vítimas do franquismo
Por Almu Dapena |
-
Mariví Villaverde dará nome a un premio de memoria histórica en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Deputación conmemora o centenario do nacemento de Mariví Villaverde
Por Redacción |
-
Pontevedra dedicará o mes da Memoria ao grupo Voces Ceibes
Por Redacción |