Os músicos galegos xúntanse por vez primeira en Pontevedra para entregar os seus Premios Galegos da Música
O Pazo da Cultura de Pontevedra vestiuse de gala para acoller a primeira edición dos Premios Galegos da Música. O máis selecto do panorama musical galego deuse cita nunha gala chea de expectación e vivida con moita ilusión polas máis de seiscentas persoas que acudiron a ela. Todos eles gozaron do recoñecemento á calidade artística das mellores producións musicais galegas.
Entre os gañadores das 13+1 categorías do concurso atópanse grupos do panorama musical galego como Eladio y los Seres Queridos, mellor grupo Pop e Indie; Berrogüetto, na categoría Folk; Treixadura, mellor banda de Música Tradicional Galega; NARF en Rock, Blues, Funk e Soul; Abe Rabade Trío como mellor formación de Jazz e Músicas Improvisadas; Dios ke te crew na categoría Hip Hop e Músicas Urbanas, e Das Kapital en música electrónica.
O galardón á mellor banda metal foi a parar a mans de Machina, e Transilvanians impúxose na categoría Reggae, ska e mestizaxe. Ademais, o xurado destes premios recoñeceu o traballo de Taller Atlántico Contemporáneo en Música clásica e contemporánea; Banda Crebinsky en Músicas do Mundo; Mamá Cabra en Música Infantil e A Magnifique Bande en Orquestras, grupos e música de verbena.
Na gala tamén se premiou a traxectoria do artista galego Antonio Cruz Arévalo "Peri" que recolleu o Premio Honorífico da noite coa súa habitual alegría e modestia. Con este recoñecemento, o xurado quixo premiar a exemplar traxectoria de tantos músicos anónimos como el "que sempre foi un músico de retagarda, de sombra, desa última copa co local pechado, e nunca demandou focos, atención, nin titulares".
Todos eles recibiron un dos 14 'melómanos' labrados en madeira de cedro polo escultor Víctor Lorenzo. O seu traballo gustou tanto que, aínda que nun primeiro momento pensouse encargar estas pezas a un artista galego diferente cada un, é posible que esta figura convértanse definitivamente nos 'Oscar' da música galega.
UNS PREMIOS "INAPRAZABLES"
Durante a súa intervención na gala, o portavoz de Músicos Ao Vivo, Xacobe Martínez Antelo, agradeceu o traballo de todos os implicados neste proxecto "por entender que estes premios eran inaprazables" e que pertencen a un sector "tan inmenso e tan rico, que non caberá nunca nestes 14 premiados". Deixou claro que "estes premios nacen para quedarse, que ninguén o dubide, e son a punta microscópica dun iceberg musical que non somos quen de imaxinar".
A gala foi presentada pola compañía de teatro Chévere, que non defraudaron e lograron arrincar numerosas gargalladas cunha sucesión de sketches moi ilustrativos da realidade musical en Galicia, sempre desde o seu particular enfoque cómico-crítico. A música tamén acompañou as súas aparicións con un DJ, un trío de percusionistas, un pianista, un acordeonista e unha sorpresa final: a actuación dos mozos integrantes da Orquestra Manuel Quiroga.