Ata o 17 de decembro pode visitarse no Casino a mostra fotográfica sobre os 50 anos de Amigos de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Redacción
O colectivo Amigos de Pontevedra reúnese todos os anos na véspera da Peregrina para homenaxear a aquelas persoas do municipio que destacaron pola súa actividade durante os últimos meses. As fotos destes eventos pódense observar ata o 17 de decembro no salón nobre da sede do Liceo Casino na rúa Manuel Quiroga.
O luns 5 inaugurábase esta mostra na que figuran algunhas das personalidades máis destacadas durante a última metade de século en Pontevedra. O acto foi presentado por Juan Prieto Cervera-Mercadillo e o experto en patrimonio cultural Leoncio Feijoo Lamas foi o encargado de ofrecer unha conferencia. Ademais proxectáronse vídeos sobre a historia da cidade.
CONCERTO
Ademais, este venres 9 de decembro, a nova directiva do Liceo Casino celebrará unha nova cita social na sede situada no centro histórico.
Ás 21.00 horas, os asistentes poderán gozar dun vermú de benvida e petiscos. Hora e media máis tarde comezará o concerto musical de Chroma, que continuará con Beauty Corner by Unidade 24 K (Servizo de retoque de maquillaxe).
O prezo das invitacións para non socios, que sempre deberán entrar acompañados por un socio, teñen un prezo de cinco euros e cada persoa asociada terá un límite máximo de tres invitacións.