A mirada da infancia, fío condutor da exposición "A cidade é a pegada"
Por Alejandro Espiño
"É unha exposición para mirar ao pasado, comprender o presente e imaxinar o futuro". Así describiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a exposición que acollerá o Pazo da Cultura a partir do próximo 15 de decembro.
Baixo o nome A cidade é a pegada, esta mostra comisariada por Alfredo Olmedo busca reflectir a pegada que Pontevedra deixa nos seus habitantes. Farao con preto de 500 pezas, entre fotografías, pinturas ou esculturas, segundo explicaron os seus responsables.
Entre todo este material, que estará exposto ata o 22 de marzo, haberá un herbario con cincuenta especies recollidas no Lérez, unha pintura ao óleo de Norberto Olmedo sobre os nenos do hospicio ou os planos orixinais da ponte da Barca.
A súa inauguración, que será ás 20:30 horas, estará precedido dun recital que ofrecerá a actriz Charo López, que regresará así á cidade na que rodou un dos seus traballos máis lembrados, a serie de televisión Los gozos y las sombras.
Haberá que esperar ata xaneiro, iso si, para que a mostra poida estrear as visitas guiadas a todo o espazo expositivo, tanto para escolares como para o público en xeral.
Fernández Lores detallou que esta exposición "é unha ollada panorámica da historia recente da cidade en diálogo coa Pontevedra actual", que pretende ser un lugar de encontro dos pontevedreses "coa memoria do que somos" e do futuro que temos por diante.
Todos somos, segundo o alcalde, "depositarios dun legado e a nosa misión é melloralo pero tamén lembralo, mostralo e tratalo coa dignidade e o respecto que merece", polo que esta exposición "expresa o amor intenso que temos os cidadáns de Pontevedra por esta cidade".
O cartel da exposición ten un aspecto "descaradamente cinematográfico", expuxo Alfredo Olmedo, coa intención de "construír unha imaxe e un clima" determinado.
"Son un neno e unha nena que están a calcular a cidade, o lugar non que viven", explicou, destacando a importancia de situar a escena na ponte do Burgo, "un espazo icónico que representa o peso da memoria pero tamén da transformación" da propia cidade.
Patricia Dopico, encargada da imaxe editorial e publicitaria da exposición apuntou que esta reflicte a propia exposición e a mirada do seu comisario porque "ten un carácter moi fílmico e a mirada da infancia tamén era moi importante para o comisario".
O autor das fotografías deste cartel é Fernando Suárez, o encargado de retratar aos nenos Darío e Violeta e responsable de todo o apartado da infancia nesta exposición, ofrecendo "miradas que non centran tanto a cidade pero que a constrúen".
Relacionadas:
-
"A cidade é a pegada" acollerá visitas guiadas para todos os públicos
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Charo López regresa a Pontevedra como 'madriña' da exposición "A cidade é a pegada"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
"A cidade é a pegada", a exposición que ofrece un "poema visual" sobre a Pontevedra pasada, presente e futura
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Charo López, protagonista de 'Los gozos y las sombras', retorna a Pontevedra para inaugurar ‘A cidade é a pegada’
Por Redacción |
-
Pontevedra prepara unha exposición sobre a pegada mutua entre a cidade e a súa xente
Por Alejandro Espiño |