A UNED organiza un curso para aprender a escribir guións de cinema
Por Redacción
O Centro Asociado da UNED en Pontevedra mantén aberto o prazo para inscribirse no curso titulado “Como escribir un guion cinematográfico? II. A creación de personaxes e os diálogos”, que se impartirá en liña, en directo ou en diferido, sen necesidade de ir ao centro entre os días 13 de xaneiro e 17 de febreiro. Unha actividade enmarcada nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 vinculados á educación de calidade.
O curso está dirixido por María Dolores Fernández Pérez, profesora titular do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Didácticas Especiais da UNED e como coordinador do mesmo figura o responsable do departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais da UNED en Pontevedra, Rafael Cotelo Pazos. Intervirá como relator a xornalista Yolanda Cruz López, diplomada en Cinema, profesora e directora do Festival Visualízame.
Esta actividade formativa está principalmente dirixida a estudantes de Humanidades, Filoloxía, Historia, Audiovisuais, Artes Escénicas, Comunicación, Dirección Cinematográfica, Ciencias da Educación ou Ciencias da Información. Pero tamén a profesores universitarios e outros profesionais do ensino ademais da todos aqueles interesados na escritura, no estudo do cinema e nas súas posibilidades educativas e profesionais.
Os obxectivos fundamentais do curso son producir ideas que permitan atopar ao personaxe; elaborar a historia do personaxe e utilizala para caracterizar ao mesmo e os diálogos entre eles.