Gustavo Almeida compón o himno do equipo de "O viño dos campións"
Por Redacción
O cantante brasileiro afincado en Pontevedra Gustavo Almeida forma parte do proxecto musical "The wine of the champions". Un proxecto global ideado polo empresario italiano Fabio Cordella e que conta coa colaboración de persoas da talla de Ronaldinho, Jon Secada ou Roberto Carlos.
Almeida é o compositor do tema que será o late motiv da serie televisiva que falará da vida de Fabio Cordella e estará acompañado nesta aventura polo seu irmán e tamén cantante Rodrigo Almeida.
A canción estrearase este domingo 15 de xaneiro coincidindo co lanzamento da "Canle dos campións", dentro da plataforma de televisión Tuvvo TV.
A relación entre Almeida e Cordella naceu ao redor do fútbol, por iso o italiano, fan da música do brasileiro, convidouno a compoñer o himno da súa marca "The wine of the champions". Procedente de Apulia, no sur de Italia, Fabio Cordella provén dunha familia de viticultores que producen viño desde 1911.
Ambos abandonaron o fútbol prematuramente. Mentres o suramericano fixo carreira na música, o europeo conectou as súas dúas paixóns para crear "The wine of the champions". Un equipo do que forman parte estrelas do balompé como Ronaldinho, Sneijder, Roberto Carlos ou Iván Zamorano.
Gustavo Almeida é o encargado de compoñer o himno deste equipo. Para iso, creou unha canción de estilo pop que "engancha, motiva e convídache, coa súa enerxía, a ir a por os teus soños", explican nun comunicado.
Nesta primeira versión, Gustavo canta a dúo co seu irmán e conta coa colaboración de músicos de talla mundial, como o baixista e produtor valenciano Nacho Mañó, o batería brasileiro Claudio Infante e o guitarrista arxentino Torcuato Mariano. Este último, actualmente director musical de The Voice Brasil (A Voz).
Un dos que quedou fascinado coa historia de vida de Cordella é o director de cinema uruguaio Julio Sonino, que asumiu o reto de plasmar nunha serie de televisión a vida futbolística e vitivinícola de Cordella.