O Museo celebrará os seus premios 'Q' de calidade e 'S' de sustentabilidade cun acto no Edificio Castelao
Por Redacción
O Museo de Pontevedra quere celebrar coa veciñanza que é a primeira entidade museística de todo o estado en recibir de maneira conxunta os Premios ‘Q’ de calidade e o ‘S’ de sustentabilidade concedidos polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE).
Logo de recoller este xoves en Madrid o premio da man da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o director Xosé Manuel Rey na denominada Noche Q, a celebración seguirá na cidade do Lérez o vindeiro martes cun acto de conmemoración no que haberá música e audiovisuais.
Segundo explica o vicepresidente Mosquera, quérese compartir coa cidadanía que o Museo "é unha institución con grande potencia, agora recoñecida con estas distincións de calidade e sustentabilidade de forma certificada, pero aínda por desenvolver todos os seus recursos, algo que debe facer da man de todas e todos os pontevedreses".
Por iso, ao acto do martes estarán convidadas ademais das persoas integrantes do Consello Asesor do Museo, as deputadas e deputados da Corporación Provincial e os concelleiros da Corporación municipal de Pontevedra, así como todas as persoas que o desexen (previa inscrición en reservas.museo@depo.gal xa que a capacidade é limitada).
O acto será o martes 24 ás 19.30 horas no Edificio Castelao e contará coa actuación musical do grupo Mallou - recentemente galardoado co XIV Premio Narf-, coa proxección dun audiovisual sobre o traballo do Museo, con discursos institucionais, así como coa participación de representantes da restauración e hostalería que dispoñen tamén do galardón da ‘Q’ de calidade na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador de Turismo.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra celebra a "diferenciación" que supoñen os galardóns de calidade e sustentabilidade
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra entra na "Champions dos museos"
Por Oskar Viéitez |
-
Rías Baixas apela á súa orixe e ás súas raíces para "emocionar e sorprender" en FITUR 2023
Por Alejandro Espiño |
-
Excelencia en calidade turística para o Museo de Pontevedra
Por Redacción |