Así soa "In the void", o adianto do disco máis escuro e maduro de Furious Monkey House

Por Alejandro Espiño
Chegou o día. Xa está aquí In the void, o primeiro adianto do novo disco da banda pontevedresa Furious Monkey House. Catro anos despois do seu anterior álbum, o sexteto de indie rock de Pontevedra regresa con forzas renovadas.
Oneiric, que será o seu terceiro disco de estudo, sairá á venda o próximo 17 de marzo a través do selo Esmerarte Industrias Creativas. Pero, dous meses antes, Furious Monkey House quixo mostrar un aperitivo deste novo traballo musical.
In the void é unha canción que fala da evasión do mundo real e da necesidade de ir máis aló. "Ás veces a vida é moi abafadora e difícil de manexar, así que preferimos evitar vivila a enfrontarnos a ela cara a cara", reflexiona Mariña Paz, cantante e guitarrista da banda.
Cunha produción realizada por Iago Lorenzo e o baixista do grupo, Gonzalo Maceira, a reverb toma protagonismo nesta canción como unha representación do baleiro.
Este novo tema vén ademais acompañado dun vídeo dirixido por Alberto Castaño que parte dunha idea da propia Mariña que "nos imaxinei vivindo nunha cabana no bosque seguindo a liña do salvaxe, que sempre nos caracterizou".
"Quería narrar a historia de como o mono se marcha sen dar demasiadas explicacións, o que simboliza o noso paso á madurez. Temos que coidarnos nós sós, facer música pola nosa conta. A fuxida do mono é a despedida á inocencia", explica a artista.
Ao longo dos seus oito anos de vida, Furious Monkey House -formado por Mariña Paz (voces e guitarra), Carlota Montoya (batería), Diego Flores (guitarra), Irene Teijeira (guitarra), Amaya Blanco (teclados e sintetizadores) e Gonzalo Maceira (baixo e guitarra), foi forxando a lume a súa identidade estilística.
Renden pleitesía a un rock de guitarras que vai do grunge ao pop alternativo, con chiscadelas que lembran a Pixies, Radiohead, Tame Impala, Deftones, Sonic Youth, Smashing Pumpkins, Portishead e PJ Harvey entre outros, pero ofrecendo sons propios xa moi recoñecibles.
Tras o éxito cultivado co seu disco de debut RUN (2015) e o seu posterior Love, Scum & Dust (2019) este sexteto pontevedrés volve á carga para presentar neste novo ano o que será o seu terceiro longa duración, Oneiric, composto de once novas cancións.
O novo traballo supón un gran salto en todos os aspectos. Así, a banda toma texturas máis densas e escuras, cargadas de samples, sintetizadores e reverb complementadas cunhas melodías pegadizas, ás veces enérxicas e outras desesperadas.
Unha proposta de banda sonora para acompañar os sentimentos como o baleiro ou a insatisfacción propia das novas xeracións porque, como eles mesmos reivindican, xa non son uns nenos e demóstrannolo con fartura con este novo álbum.
Relacionadas:
-
Furious Monkey House: "Este disco únenos como banda. Xa non somos os cinco nenos cos seus pais"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Furious Monkey House estrea 'Oneiric', o seu terceiro álbum de estudo
Por Redacción |
-
A xira do novo disco de Furious Monkey House arrancará o 14 de abril na Sala Karma
Por Alejandro Espiño |
-
Segunda 'pílula' do novo disco de Furious Monkey House, a banda pontevedra estrea a canción "Mesmerism"
-
RADIO.- A banda pontevedresa Mr Magoo trae unha colaboración co actor turco Tamer Levent
Por Redacción |
-
Furious Monkey House presenta 'In the void' o próximo 19 de xaneiro
Por Oskar Viéitez |
-
Berto e Mariña Paz unen as súas voces en "O teu mandil ", o seu primeiro tema xuntos
Por Alejandro Espiño |