O universo das 'curandeiras' chega a Bueu coa primeira novela da investigadora Marisa Castro
Por Redacción
A saga das curandeiras é o título da primeira novela da investigadora Marisa Castro, unha recoñecida bióloga galega que quixo achegarse con este libro ao universo das mulleres que, tradicionalmente, aplicaban remedios populares a todo tipo de doenzas.
O libro, publicado en galego e castelán por Hércules de Ediciones, será presentado este sábado 28 de xaneiro, ás sete da tarde, no Centro Social do Mar (Bueu), nun acto que está organizado pola Librería Miranda.
En A saga das curandeiras, Rosalía Carcedo é unha curandeira que nos guía por unha viaxe durante a primeira metade do século XX, desde a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil, ata a aldea de orixe á que volveu durante a ditadura.
Alí, Rosalía, personaxe ficticio baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras ás que visitou, continúa aplicando o seu coñecemento dos remedios naturais, a pesar da incomprensión e a incredulidade dos que a rodeaban.
A trama permite coñecer a relación das curandeiras coa poboación e coas autoridades civís e relixiosas. A autora recolle na novela receitas e casos particulares que coñeceu da man da súa familia e de varios anos de investigación in situ sobre o tema.
Ademais, axuda a aproximarse ao uso das herbas e dos cogomelos, tanto con fins curativos como máxicos, nese mundo críptico das meigas galegas.
Natural de Lugo, Marisa Castro, investigadora, bióloga e micóloga, vén dunha longa saga de curandeiros. O seu pai, menciñeiro e compoñedor, foi a quinta xeración dedicada á aplicación dos remedios naturais na parroquia luguesa de Santiago de Sáa.
O seu afán por coñecer e investigar os seus orixes levouna a construír esta biografía ficticia na que verte o seu saber sobre este aspecto da etnografía galega.