'Avantaxado feminino 2' achégase a dez mulleres referenciais no século XX
Por Redacción
Destacadas mulleres creadoras do século XX converteranse en protagonistas do novo curso de 'Avantaxado feminino' na súa segunda edición. As sesións desenvolveranse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra analizando o traballo de dez mulleres que marcaron un estilo na pintura, a escultura, a fotografía, o deseño téxtil, o coleccionismo ou a moda.
Nas sesións revisarase o traballo artístico elaborado polas fotógrafas Lee Miller, Vivian Maier e Cristina García Rodero; as figuras relacionadas co deseño téxtil e a moda Emilie Flöge e Annie Albers; as pintoras Georgia O’Keeffe, Leonora Carrington e María Blanchard; e as escultoras Marisol Escobar e Meret Oppenheim.
Está previsto que o curso, dirixido por Carolina Munáiz, iníciese o 8 de febreiro e teña continuidade todos os mércores ata o 26 de abril a través de dez sesións de hora e media de duración, entre as 19.00 e as 20.30 horas. O acceso a estas sesións do curso é libre.
No caso de que as persoas asistentes queiran dispoñer dun certificado de asistencia deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal e acudir, polo menos, a sete das dez sesións previstas.
Carolina Munáiz, responsable do curso, exerce como docente na Escola Superior de Deseño de Moda Formarte da Coruña, titulada en Ilustración pola EASD Pablo Picasso e con formación de primeiro ciclo da Escola de Canteiros de Pontevedra. Ademais, é pintora e profesora das materias de Historia da Indumentaria e de Historia da arte e da moda do século XX. Segundo explica, o curso centrarase tanto no plano creativo como no vital destas artistas para coñecer o desenvolvemento das súas traxectorias dentro dun contexto social e cultural en diferentes décadas do século XX.
As sesións establécense da seguinte forma:
8 de febreiro. Emilie Flöge (moda)
15 de febreiro. Georgia O’Keeffe (pintura)
1 de marzo. Anni Albers (deseño téxtil)
8 de marzo. María Blanchard (pintura)
15 de marzo. Meret Oppenheim (escultura)
22 de marzo. Lee Miller (fotografía)
29 de marzo. Leonora Carrington (pintura)
12 de abril. Vivian Maier (fotografía)
19 de abril. Marisol Escobar (escultura)
26 de abril. Cristina García Rodero (fotografía)