'Vexo, vexo. Que ves?', novo proxecto expositivo cargado de humor no Café Moderno
Por Redacción
Cun gravado de Goya da serie 'Los caprichos' ábrese a exposición 'Vexo, vexo. Que ves? Xogo, humor e metáforas na Colección de Arte Afundación' que se pode visitar neste mes de febreiro no Café Moderno.
Trátase dunha mostra con trinta pezas entre as que se inclúen debuxos de Castelao, esculturas de Xurxo Ouro Claro, un lenzo de Berta Cáccamo; unha fotografía de Helena Segura Torrella e propostas de cómic coa colección de Jacobo Fernández, entre outras opcións.
Pedro Feijoo, colaborador multifacético, presenta para esta exposición un texto no que este creador realiza unha análise entre o humor e a arte.
Ao longo da sala obsérvanse xogos visuais que promoven mensaxes incómodas, evitan censuras e conectan co público.
Estes traballos preséntanse como unha ferramenta para denunciar e afrontar as situacións máis complexas como as guerras e as inxustizas sociais.