Josito Porto e o rock tenso de 'Smoke on the water' irromperán no Auditorio de Vilagarcía
Por Redacción
O actor vilagarcián Josito Porto é un dos protagonistas da traxicomedia 'Smoke on the water', da compañía Ibuprofeno Teatro. O sábado 11 ás 20.30 horas o espectáculo representarase no Auditorio de Vilagarcía de Arousa cunha trama envolta en intrigas relacionadas con sexo, drogas e rock and roll, pero tamén vinculadas á enfermidade, á violencia e ao amor.
A montaxe está destinado a público adulto e as entradas xa se poden adquirir, a través de venda anticipada, en ataquilla.com. En caso de non esgotarse poderán adquirirse no despacho de billetes do recinto a partir das 18.00 horas.
A entrada xeral na Zona A pódese adquirir por cinco euros máis gastos de xestión con bonificacións para desempregados, titulares de carne xove e persoas de máis de 65 anos. Na zona B os prezos son de tres euros máis gastos de xestión.
Ademais de Josito Porto que interpreta a Ritchie; Belén Constenla representa a Janis; Adrián Ríos como Alex; María Costas interpreta a Amparo e Joan Baez; e Mon Orencio acompañará a montaxe como músico en escena. A dirección e o texto teatral corresponden a Santiago Cortegoso.
OUTROS ACTOS CULTURAIS
O mesmo sábado 11, na sala de conferencias do Auditorio desenvolverase a partir das 18.00 horas a entrega de premios do II Concurso Poesía en Galego "Xaquina Trillo", organizado por Mesa das Verbas.
O mércores 8, o Salón García a partir das 21.00 horas acollerá unha sesión de cinema coa proxección, a cargo do Cine Club Ádega, da película 'Canoa', dirixida por Felipe Cazals na que se narra o intento de escalada ao volcán A Malinche.
O venres 10 celébrase o concerto especial de San Valentín no Salón García a partir das 21.00 horas cos grupos 'Orquestra de Pulso e Púo Arousa' e 'Orfeón de voces graves de Arousa', que interpretarán un repertorio de boleros. A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do recinto.