O pianista Martín García ofrecerá en Pontevedra o primeiro concerto da súa xira por España
O pianista xixonés de 26 anos, situado no panorama internacional, presentará o primeiro concerto da súa xira por España en Pontevedra o día 13 de febreiro ás 20:30 horas no Teatro Principal, un evento realizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra.
Martín García García é un músico que obtivo importantes recoñecementos como o primeiro premio no 'Cleveland Internacional Piano Competition' ou o terceiro lugar no 'XVIII International Chopin Piano Competition', converténdose no primeiro español en chegar á final.
En 2022, realizou 70 concertos por Europa, Asía e Norte América. Nestes países actuou en destacados escenarios como Carnegie Hall de Nova York, o Suntory Hall de Tokyo ou o Auditorio Nacional de Música de Madrid. Tamén hai que destacar a súa xira por Xapón, na que tivo unha audiencia de 25.000 espectadores en 14 actuacións.
Martín García amósase inspirado coa súa xira de 2023, xa que terá a oportunidade de seguir coñecendo lugares representativos do panorama musical. Ilusiónalle, segundo afirma, volver ao concurso de piano en Cleveland 'Cleveland International Piano Competition' en marzo e volver tocar no seu país natal, concretamente en Galicia, considerándoa unha rexión irmá de Asturias.
O pianista ten como lema un pensamento para abordar as súas actuacións: "os meus retos redúcense a cada concerto, sen importar a sala ou a audiencia". A xira que realizará durante este ano van levalo a escenarios de España, Polonia, México, Italia e Xapón, entre outros países.