Segunda 'pílula' do novo disco de Furious Monkey House, a banda pontevedra estrea a canción "Mesmerism"

© Esmerarte Industrias Creativas

© Esmerarte Industrias Creativas
O sexteto pontevedrés de indie rock Furious Monkey House estrea este xoves 'Mesmerism', o segundo adianto do que será o seu novo e terceiro álbum de estudo, 'Oneiric', que se poñerá á venda o 17 de marzo a través do selo Esmerarte Industrias Creativas.
'Mesmerism' é unha canción que fala da necesidade da evasión por non ser capaz de afrontar situacións complicadas na vida. A banda defínea como o desexo de escapar, marchar lonxe e non volver, sen perder a esperanza de que o futuro podería ser mellor.
Segundo Mariña Pérez, cantante e guitarrista da banda, "este tema parte do traballo de gravación de loops de batería e experimentación microfónica con beats electrónicos".
En relación ao vídeo oficial, a cantante afirmou que "o imaxinario do videoclip presenta cores moi vivas e un ambiente de festa. Os personaxes tentan pasalo ben a pesar de estar a vivir unha situación complicada. O mono aparece en forma de ilusión ou recordo, que os protagonistas confunden coa realidade".
A produción de 'Oneiric', o seu álbum, foi realizada por Iago Lorenzo xunto co baixista do grupo, Gonzalo Maceira. O traballo artístico foi elaborado por Luciano Santiago.
Furious Monkey House é un grupo que contribúe á renovación musical actual, cun estilo ecléctico e con ganas dunha ampliación sonora. Durante oito anos, a banda forxou a súa identidade estilística con chiscadelas que lembran a Pixies, Radiohead ou Deftones. Ademais, en 2021 os compoñentes foron membros do Generation Group de Gibson, o 'G3' do 'Young Artists Class' dese mesmo ano, que os levou, entre outros fitos, a interpretar 'Play With Sky' xunto a Ziggy Marley.
O single 'Mesmerism' pódese escoitar a través deste link en todas as plataformas. Ademais, o adianto vén acompañado dun vídeo oficial dirixido de novo por Alberto Castaño, quen tamén realizou o vídeo anterior da banda do tema 'In The Void'.
Relacionadas:
-
Furious Monkey House: "Este disco únenos como banda. Xa non somos os cinco nenos cos seus pais"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Furious Monkey House estrea 'Oneiric', o seu terceiro álbum de estudo
Por Redacción |
-
A xira do novo disco de Furious Monkey House arrancará o 14 de abril na Sala Karma
Por Alejandro Espiño |
-
Así soa "In the void", o adianto do disco máis escuro e maduro de Furious Monkey House
Por Alejandro Espiño |
-
Furious Monkey House presenta 'In the void' o próximo 19 de xaneiro
Por Oskar Viéitez |