Atopan o torso de pedra dun Cristo baixo o cruceiro de Outeda
Por Oskar Viéitez
Nos traballos de desmontaxe do cruceiro de Outeda, situado no lugar do mesmo nome, atopouse o torso dun Cristo.
Os traballos de restauración deste cruceiro foron encargados polo Concello de Barro ao escultor Juan Cabeza Quiles.
Das investigacións realizadas dedúcese que o cruceiro foi tallado no século XVII.
A desmontaxe da base do cruceiro deparou esta sorpresa. Da plataforma resultou un despezamento de, polo menos, 20 pedras que foron debidamente numeradas para a súa recolocación, e baixo a base a pedra que forma o dado do pedestal estaba apoiado sobre xabre o torso dun Cristo.
A peza é unha escultura de calidade e conserva a policromía nas costelas no punto no que, segundo a Biblia, Xesucristo foi lanceado.
Aínda se descoñece se o torso foi enterrado na base orixinal do cruceiro ou foi o resultado dunha posterior restauración ou cambio de localización.
O achado foi comunicado a persoal da Consellería de Cultura.
Desde o Goberno local entenden que "pola singularidade do achado e a calidade da súa feitura, o torso debería ser musealizado no edificio da Casa do Concello tendo en conta a súa idoneidade para a contemplación polos veciños".