O Concello de Vilagarcía homenaxeará a Pepe Álvarez no Auditorio Municipal
O sábado 11 de marzo celebrarase no Auditorio Municipal unha homenaxe a Pepe Álvarez, figura importante en Vilagarcía pola súa implicación en espectáculos culturais e solidarios. O Concello definiuno como "o homenaxeador homenaxeado" ao ser unha das persoas que máis predisposición mostra á hora de organizar este tipo de celebracións a outras persoas.
Álvarez decatouse deste acto ao acudir ao Concello "enganado" pensando que se trataba da presentación dun evento benéfico. Unha vez alí, o vilagarcián mostrouse visiblemente emocionado ante a prensa, e agradeceu "inmensamente esta mostra de agarimo que valoro especialmente".
Foi a concelleira, Sonia Outón, quen lle revelou a sorpresa deste acto que, tal e como explicaban desde o Concello, tíñanlle preparado desde o seu 70 aniversario pero tivo que ir pospoñéndose por mor da pandemia. "Pepe é un excelente realizador de espectáculos, ten unhas enormes dotes para organizar e coordinar a grandes grupos de persoas nun escenario", afirmaba Outón.
A homenaxe consistirá nunha especie de teatro musical con máis de 150 persoas entre músicos, cantantes, bailaríns e actores. A representación seguirá un fío narrativo que irá debuxando a Pepe Álvarez a través dos momentos máis importantes da súa vida. "Vou pasar a noite chorando de emoción", confesaba o homenaxeado.
O acto será o sábado 11 de marzo ás 20:30 horas no Auditorio Municipal. A entrada é libre ata completar aforo e as invitacións poderán retirarse no propio Auditorio o venres e o sábado en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Desde o Concello informan de que o evento comezará con "puntualidade británica".