O goberno local reclama a restauración do texto orixinal do himno galego
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Pontevedra expresou o seu apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que reclama a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión.
Esta actuación, que promoven colectivos como Vía Galega e Galiza Cultura, demanda que se adecúe o texto legal á súa orixinalidade modificando o artigo 4 da Lei 5/1984 de símbolos de Galicia para fixar a letra do himno nas catro primeiras estrofas.
En 1984 cando se confeccionou esta Lei de Símbolos recolleron o texto dunha edición de 1935 do poema ‘Os Pinos’ de Eduardo Pondal que fixera a Real Academia Galega, pero tiña erros que o propio poeta advertía nunha carta que se conserva na propia Academia que había que corrixir.
Finalmente, a proposta que apoia o Concello de Pontevedra reclama ao Executivo autonómico que faga unha edición popular da letra restaurada, conforme ao texto creado por Eduardo Pondal, xunto coa partitura do himno, co obxectivo de distribuílo, divulgalo e popularizalo de forma masiva na sociedade galega.
Os erros que contén o himno van desde palabras inventadas, pasando por deturpacións, castelanismos ou hiperenxebrismos.