Un ciclo de cine no campus para amosar os múltiples camiños da creatividade
Por Redacción
Doce películas integran o próximo ciclo de cine que impulsa o campus de Pontevedra. Baixo o nome Expediente Alquimia, esta iniciativa busca explorar os múltiples camiños da creatividade expostos na sétima arte. Para iso botarán man de filmes de múltiples xéneros e épocas.
Todos eles innovaron en aspectos técnicos, experimentaron con formatos, combinaron diferentes linguaxes ou abordaron núcleos narrativos diversos, di Suso Novás, coordinador do ciclo, promovido en colaboración co Instituto Francés do Cinema e co Goethe Institut alemán.
Así, combinaranse filmes moi emblemáticos "con outros máis esquecidos no imaxinario colectivo", coa idea de afondar na capacidade do cinema para "conxugar coñecemento, imaxinación, habilidades, competencias e risco nunha sorte de alquimia", subliña Novás.
As películas do ciclo Expediente Alquimia serán:
- 17 de marzo: Dr. Jekyll and Mr. Hyde (1931), de Robert Mamoulian
- 24 de marzo: Melodías de Broadway (1953), de Vicente Minnelli
- 31 de marzo: Berlín, sinfonía dunha cidade (1927), de Walter Ruttmann
- 21 de abril: Teléfono vermello? Voamos cara Moscú (1964), de Stanley Kubrick
- 28 de abril: Lola Montès (1955), de Max Ophüls
- 5 de maio: The Ladies Man (1961), de Jerry Lewis
- 12 de maio: 12 Phase IV (1974), de Saul Bass
- 19 de maio: Alphaville (1965), de Jean Luc Godard
- 26 de maio: Paris Calligrammes (2020), de Ulrike Ottinger
- 2 de xuño: O muíño e a cruz (2011), de Lech Majewski
- 9 de xuño: India song (1975), de Marguerite Duras
- 16 de xuño: Un xenio anda solto (1958), de Ronald Neame
As proxeccións, que serán de entrada libre ata completar aforo, terán lugar nas tardes dos venres, ás 19:00 horas, entre o 17 de marzo e o 16 de xuño, na Casa da Campás.