'Pirolíticos', o último espectáculo de Mofa e Befa, visita o Auditorio da Illa de Arousa
O Auditorio da Illa acolle este venres 17 de marzo o último espectáculo de Mofa e Befa, Pirolíticos, a obra dirixida por Clara Gayo. As entradas están á venda anticipada por 6 euros en Woutick.es, e estarán dispoñibles en billeteira unha hora antes do comezo da función, prevista para as 20:00 horas, por un custo de 10 euros.
A obra terá unha duración duns 90 minutos, seguindo a habitual estrutura en sketches de Mofa e Befa e acompañada nesta ocasión por música rockeira. O espectáculo está recomendado para un público maior de 13 anos.
Pirolíticos é unha proposta que pretende abrirse a novas perspectivas mantendo o estilo e as intencións que caracterizan a este dúo formado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, que estarán acompañados das novas incorporacións femininas Lucía Aldao e María Lado.
A obra pretende ofrecer unha oportunididade instructiva, especialmente aos homes que asistan á función, para comprender os novos conceptos que o feminismo vén achegando desde hai un tempo. Todo iso farano parodiando e retratando esas "vellas masculinidades" que continúan manifestándose hoxe en día, afirman desde o Concello da Illa de Arousa.