Cristóbal Gabarrón inaugura en Pontevedra a exposición sobre a súa "obra atlántica"

Por Redacción
O artista murciano Cristobal Gabarrón inaugurou este xoves no Museo de Pontevedra a exposición "Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade", que reúne toda a súa obra influenciada polas súas longas estancias en Galicia.
A mostra, que se poderá visitar ata o próximo 14 de maio, ofrecerá ao público un percorrido por un centenar de pezas do artista, entre pinturas, esculturas e instalacións.
Todas elas reflicten a influencia en Gabarrón da cultura, da paisaxe, da luz e da orografía da costa atlántica, así como tamén da tradición da pedra desde os puntos de vista da etnografía, a antropoloxía e a identidade.
"Poderemos ver un Gabarrón versátil, experimental e con múltiples linguaxes", segundo o comisario da exposición, Antón Castro, que destacou que as pezas presentes na mostra "son moi diversas formalmente".
No exterior do museo pontevedrés, a exposición mostra tres esculturas en aceiro e fibra de vidro policromada da serie "Sega".
Na súa entrada, pola súa banda, está montada a instalación "O mar que eu coñezo’, na que unha foto mural dá o contexto a seis barcas nas que se xuntan as características formas e cores de Gabarrón con gretas e elementos propios de contornas mariñas.
No interior da sala, a exposición propón contemplar esculturas policromadas en diversos materiais, entre eles madeira, aceiro, fibra de vidro, granito policromado ou cerámica.
A pintura de Cristóbal Gabarrón está tamén presente en diversos óleos e, no espazo central, hai varias instalacións elaboradas con obxectos atopados, como cantos rodadas e area das praias das Rías Baixas ou follas de palmeira reconvertidas en máscaras.