'Ti non sabes o que é ser escritora' será presentado o Día da Poesía no Pazo provincial

Por Redacción

© Deputación de Pontevedra
O 21 de marzo, con motivo da celebración do Día da Poesía, o Pazo Provincial acollerá a presentación, a partir das 19.00 horas, do libro 'Ti non sabes o que é ser escritora', un traballo que se inclúe no marco das accións desenvolvidas con motivo do Manifesto de Soutomaior.
Este volume, publicado pola Deputación, contén 126 páxinas con dez textos literarios inéditos. Os textos pertencen ás autoras Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega.
Ademais ofrécense ilustracións realizadas por creativas como Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel. Trátase de ilustracións e de textos que reflicten cuestións como, entre outras, o matrimonio forzoso, asasinatos machistas, violacións, bullying, acoso ou o perigo do aumento do machismo entre as xeracións máis novas.
Carmela Silva, presidenta da Deputación, sinalaba que nesta edición figuran as máis grandes escritoras e ilustradoras galegas nun libro que concluía a súa impresión o 8 de marzo deste ano, cando se cumprían 16 meses da firma do Manifesto.
Durante o mércores 22 de marzo tamén se poñerá en marcha o programa 'Precursoras da sustentabilidade' no Pazo Provincial da Deputación a partir das 11.30 horas. Ofrecerá unha visión sobre a emerxencia planetaria desde a perspectiva das mulleres.
Recuperarase a memoria de corenta mulleres activistas e científicas a través dun libro e dun vídeoxogo que permitirá ás persoas máis novas introducirse na biografía destas defensoras do coidado ambiental.
Relacionadas:
-
Dez escritoras e dez ilustradoras crean o primeiro libro feminista das asinantes do Manifesto de Soutomaior
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O alumnado consegue 'cambiar o conto' na Deputación de Pontevedra
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Abre o prazo para participar no Concurso Literario Xaime Illa
-
Poesía, música e unha filla da figueira de Rosalía renden homenaxe á "autora máis representativa das nosas letras"
Por Redacción |
-
Montse Fajardo, Tamara Andrés e Fran Alonso animarán aos escolares a ler máis
Por Redacción |
-
Manifesto "histórico" nun cumio reivindicativo de mulleres escritoras e feministas no Castelo de Soutomaior
Por Redacción |