A Sede Afundación Pontevedra acolle o ciclo de cine "Mulleres"
O martes 21 de marzo ás 19:00 horas proxectarase na Sede Afundación Pontevedra Jackie, unha das tres películas que forman parte do ciclo de cinema Mulleres. Este proxecto, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller, trata de mostrar películas nas que as mulleres son as protagonistas.
Esta longametraxe trata sobre unha das primeiras damas máis famosas da historia, Jacqueline Kennedy. A historia céntrase nos días posteriores ao asasinato do seu marido, John F. Kennedy.
O evento enmárcase dentro da iniciativa solidaria Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo coa Federación Española de Bancos de Alimentos. A entrada é libre ata completar a capacidade do recinto, coa condición de levar produtos non perecedoiros para colaborar con esta iniciativa.