Un libro e un videoxogo sobre 40 mulleres "precursoras da sustentabilidade"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este mércores "Precursoras da sustentabilidade e da Axenda 2030" xunto a Mari Lires, directora e creadora deste proxecto integrado por unha publicación e un videoxogo.
Este proxecto pretende recoller a memoria de mulleres de todo o mundo, do pasado e do presente, que contribuíron, cos seus coñecementos científicos e empíricos e co seu activismo, á sustentabilidade do planeta, mesmo antes de que as comunidades científicas e os gobernos fosen conscientes da gravidade dos problemas ambientais, sociais, políticos e de igualdade que ameazan a vida.
Carmela Silva manifestou que "este proxecto é unha xoia" polo contido que ofrece e "porque nos permite tomar posición para seguir defendendo este planeta". Esta iniciativa está enmarcada na programación impulsada pola institución provincial con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.
Inclúe un conxunto de corenta biografías de mulleres relacionadas co desenvolvemento sostible. Non se trata só de biografías ao uso, senón tamén mostran a súa actividade en relación coa situación planetaria, "co actual modelo de desenvolvemento capitalista e patriarcal", coas súas afeccións artísticas, cos seus compromisos políticos, cidadáns, coa igualdade e feministas, co desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía, entre outros.
Mari Lires explicou que "todas as mulleres asócianse a Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS) que se ilustran no libro e no videoxogo como unha auténtica constelación de estrelas".
Son mulleres como Malala Yusafzai, Berta Cáceres, Jimena Quirós, Ernestina Otero, Matilde Ucelay, Olimpia Valencia, Jane Jacobs, Rachel Carson, Teresa Zapeta, Betty Snyder Holberton, Hedy Lamarr, Ada Byron Lovelace, Eunice Newton Foote ou Greta Thunberg entre outras.
O proxecto inclúe a creación dun videoxogo no cal se gamifica toda esta información para que "o concepto de sororidade viaxe no tempo e cre unha rede de apoio entre as mulleres que fixeron historia nos ODS".
O videoxogo consiste nunha rede neuronal interactiva conectada de diferentes formas. Ao pulsar sobre unha figura desbloqueada, pásase a un nivel (correspondente a un dos ODS) formado por un quebracabezas que consiste en buscar os obxectos característicos de cada unha das mulleres precursoras. Cada nivel está ambientado conforme á súa respectiva temática e dacordo con o contexto de investigación ou de acción no que se viu involucrada cada unha das mulleres.
O salón de plenos do Pazo Provincial acolleu esta presentación á que asistiron máis dun centenar de estudantes do IES Valle Inclán e o CEIP Vilaverde de Pontevedra.