Marietta presenta o seu novo disco cun evento solidario no Palacete Besada
Por Redacción
O Palacete de Besada acollerá este domingo, 26 de marzo, unha cita moi especial, no que a música e a solidariedade irán da man para dar vida a un evento que aspira a acoller a un gran número de asistentes.
Será entón, a partir das 17.00 horas, cando teña lugar o acto de presentación do último disco publicado pola artista pontevedresa Marietta, titulado 'Verde, meiga e Bravía'.
Este traballo recolle 12 temas inéditos propios, 11 dos cales foron gravados en galego. Será unha cita moi especial, presentada polo artista e humorista Isi, na que terán lugar diferentes actuacións musicais e no que as persoas asistentes terán ocasión de axudar ás familias máis necesitadas do municipio, a través da doazón de alimentos non perecedoiros.
Todos os alimentos se que reúnan no Palacete de Besada serán entregados ao departamento de Servizos Sociais para o seu reparto entre as familias en risco de exclusión.
Tanto Marietta como o resto de persoas encargadas da organización salientaron o "gran espírito solidario que existe entre a veciñanza de Poio", como así o demostran os grandes resultados acadados noutras campañas e iniciativas semellantes desenvoltas no pasado. "Estamos convencidos de que será un gran éxito", apuntaron.
Ademais, a artista Marietta destacou o vínculo especial que a une a Poio, onde ten ofrecido un gran número de concertos ao longo de toda a súa traxectoria artística, ao tempo que amosou a súa felicidade por poder facer esta presentación "nun lugar tan emblemático e con canto encanto como é o Palacete de Besada", que proximamente pasará a acoller a sede de Servizos Sociais, Benestar Social e Mocidade e do Centro de Información á Muller (CIM).
O festival solidario non só contará coa actuación da propia Marietta, senón tamén doutros artistas e grupos da bisbarra que colaboraron na gravación do disco, como son o Grupo Folclórico Soalleira de Dorrón, Vilamariachí, Félix Cebreiro, Puma ou o director da Escola de Acordeóns de Campelo, Juan José Mariño. No palacete habilitarase un espazo para a venda de exemplares.
Os organizadores amosaron o seu agradecemento a todos estes músicos "por acompañarnos nesta iniciativa tan fermosa".