O Museo achega a obra de Cristobal Gabarrón á sociedade cunha charla e un obradoiro infantil
Por Redacción
O Museo de Pontevedra programa dúas actividades para achegar a todos os públicos a figura e a obra do artista murciano Cristóbal Gabarrón, protagonista da exposición ‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’, que se pode visitar ata o 14 de maio na entidade pontevedresa.
Esta exposición reúne por primeira vez no Museo de Pontevedra a obra de Gabarrón vinculada a Galicia e, con estas actividades, buscan que chegue ata a sociedade.
As actividades desenvolveranse na tarde do venres 14 de abril no Edificio Castelao do Museo.
A primeira actividade é o obradoiro infantil ‘Siega verde’. Parte do conxunto escultórico do mesmo nome, representado na exposición do Museo por tres pezas situadas no exterior do edificio Castelao. O obxectivo do obradoiro é amosar como a escultura é utilizada polo artista como soporte para a policromía. Cada participante parte dunha maqueta de 40 centímetros de alto para crear a súa versión policromada da obra.
O obradoiro está dirixido a nenas e nenos de 8 a 12 anos. Desenvolverase o venres 14 de abril de 17:00 a 18:00 horas. Para asistir é necesario inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal.
O mesmo venres ás 19:00 horas terá lugar unha charla entre Cristóbal Gabarrón e o comisario da exposición, Antón Castro. Nela debullarán o traballo do artista murciano, especialmente no referente ás pezas que forman a exposición sobre a súa obra relacionada con Galicia e o océano Atlántico.
A exposición ‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’ mostra a influencia no artista da cultura, da paisaxe, da luz e da orografía da costa atlántica, e tamén da tradición da pedra en Galicia desde os puntos de vista da etnografía, a antropoloxía e a identidade. Non é unha relación casual: o artista murciano leva 25 anos pasando longas tempadas na súa casa-estudio de Bueu, na ría de Pontevedra. Esas estancias deixan pegada na súa obra, o que agora se pode ver a través dun cento de pezas, entre pinturas, esculturas e instalacións.