Quequé presenta Sesión Golfa, un espectáculo para "adultos sen complexos", en Vilagarcía
Por Alejandro Espiño
Vilagarcía de Arousa, Lugo, A Estrada e Burela forman parte da minigira galega de Sesión Golfa, un espectáculo cómico protagonizado polo monologuista Quequé e que chega a Galicia da man de Culturactiva SCG. No caso da capital arousana, poderemos velo mañá venres 9 de novembro ás 21:00 horas no Auditorio municipal.
En concreto, este espectáculo "para adultos sen complexos", como o describe o propio Quequé, é unha sucesión de monólogos pero cun toque diferente. "Distinto porque algúns dos monólogos de Sesión Golfa pode que xa os viras en televisión; outros, nunca os verás. Son os que falan de banqueiros, de ateos, de Hacendado, de reis, de golfos, de Pilates, de burbullas, de gin-tonics e ata do sibilino Álex Ubago".
O cómico de Salamanca, que saltou á fama en Pontevedra tras gañar o concurso de novos talentos de El club de la comedia, bromea asegurando que o seu espectáculo é distinto "porque tamén falarei deste tortuoso bache que estamos atravesando. Quizá o noso peor momento como país en moitos anos. E é normal, foi un golpe moi duro. Ninguén esperaba a separación de OBK. Pero superarémolo, saímos doutras peores".
"En definitiva é un espectáculo de humor para adultos sen complexos dispostos a rirse ata o máis sagrado. Excepto do Islam, con iso non hai ovos", explica Quequé.
Para poder asistir a calquera das catro representacións de Sesión Golfa, as entradas xa están dispoñibles na web www.atrapalo.com a un prezo, segundo o seu productora, "semellante ao doutras obras que contaron con financiamento público", malia que este espectáculo non a ten. Son 12 euros.