"Veinte minutos antes del fin del mundo", o novo EP de La Casa de los Ingleses
Por Alejandro Espiño
Seis cancións integran o novo traballo discográfico da banda pontevedresa La Casa de los Ingleses, un EP titulado Veinte minutos antes del fin del mundo, que publicaron este xoves tras dar a coñecer dous adiantos nos últimos meses.
Veinte minutos antes del fin del mundo, segundo os seus creadores, combina cancións de pop preciosista con outras máis directas, Tres dos temas foron producidos por Carlos Hernández (Los Planetas, Viva Suecia) e as outras tres por Juan Hernández, o seu produtor habitual.
Tras Sensacional, un single publicado en marzo, e El Mesías, publicado en abril, La Casa de los Ingleses presentan agora o resto de cancións do EP, con letras que nos levan desde o amor e a reconciliación ata a crítica social e a reflexión existencial.
O lanzamento deste EP vén acompañado do videoclip de No importa, unha canción que nos mergulla na reflexión sobre eses momentos nos que nos atafegan as preocupacións que, en realidade, carecen da transcendencia que lles outorgamos nun primeiro instante.
O videoclip da canción, producido por Producciones Mutantes, recrea un thriller psicolóxico de corte clásico no que a súa protagonista, interpretada pola actriz María Roja, atópase co seu dobre fantasmal nun momento de desesperación vital.
Inspirado no cinema clásico de Alfred Hitchcock, en especial a súa película Vertixe, e tamén no Giallo Italiano, a peza está rodada cunha coidada estética retro onde as cores primarias son unha constante como metáfora da procura da felicidade perdida.
La Casa de los Ingleses, desde os seus inicios en 2009, combina as melodías do pop, a delicadeza do indie e a potencia do rock. Formado por Anxo Guerra (voz e guitarra), Carlos Grangel (batería), Charly García (baixo e coros) e Xavi Isasi (guitarra e coros) non parou de evolucionar desde entón.
En 2015 publicaron o seu primeiro traballo, Punto de partida, un EP autoeditado co que se deron a coñecer, que xa mostra o gusto da banda polas melodías efectivas e os medios tempos pegadizos, e en 2018 chegou o seu primeiro disco, La Tierra es plana.
Relacionadas:
-
La Casa de los Ingleses lanza 'El Mesías', unha "patada na cara" aos "novos deuses" dixitais
Por Alejandro Espiño |
-
Así soa "Sensacional", o primeiro adianto do novo EP de La Casa de los Ingleses
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Unha versión de "Anduriña", a nova canción de La Casa de los Ingleses
Por Alba Feijoo Alonso |