Inaugurada a exposición do I Certamen de Pintura 'Otero Baena' na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu
Por Redacción
As obras finalistas do I Certame de Pintura 'Otero Baena' xa poden verse na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu. O acto de inauguración celebrose este xoves coa presencia do alcalde en funcións, Félix Juncal, concelleiros e concelleiras da corporación, familiares de Otero Baena, artistas e público en xeral.
A exposición confórmase polos traballos finalistas do certame: 'Massó, mi recuerdo', 'Sobrevoo', 'Sin título (de la serie Line Drawings)', 'Detalle', 'Las morenas', 'Familie Tijd', 'Figuras de cuerdas', 'En la Banda del Río', 'Espazos ocupados', 'Que', 'Puerto de Bueu', 'Glyph, 2023' e 'Arranxo'.
Xosé Leal, concelleiro de cultura, foi o encargado de dar a benvida ás persoas asistentes e destacou que "é un certame que comeza modesto pero que irá medrando en importancia", mentres que Marta Otero, unha das fillas de Otero Baena salientou que "este certame pon en valor a obra de Otero Baena e axudaranos a recuperar moita da que está espallada por diversos lugares".
O acto o pechou Félix Juncal, que reivindicou a "un dos mellores espatulistas da arte galega, do que moitos e moitas de nós lembramos sempre ese estilo seu tan peculiar, esas paisaxes que pintaba cunha gran variedade de cores e que nos facían, e fan, sentirnos na casa".
A exposición estará aberta todos os días ata o 30 de xuño, en horario de 12:00 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas. Neste período, e preto do 27 de xuño, por tratarse da data do nacemento de Otero Baena, celebrarase a reunión do xurado e escollerase un día para celebrar a gala de entrega do premio á persoa que resulte a gañadora do galardón dotado con 1.500 euros.
O I Certame de Pintura 'Otero Baena', está dentro dun proxecto ambicioso do Concello, en colaboración coa familia do artista, que contribuirá a conservar e manter vivo o legado do bueués, o cal se caracterizaba por ser unha persoa comprometida coa arte. Así, as dúas accións que se levaron a cabo polo momento foron a colocación dunha placa conmemorativa na que fora a residencia do artista na rúa Eduardo Vincenti, e a creación deste certame bienal.
Este proxecto xurdiu coa finalidade de promover a creación artística entre os artistas noveis, maiores de 18 anos, os e as cales tiveron que presentar unha obra inédita e orixinal, de temática, técnica e formato libre. O xurado, conformado por Xosé Leal, concelleiro de cultura, Covadonga López, directora do Museo Massó, Javier Pérez, da Fundación Laxeiro, Fruela Alonso e Eduardo Manuel Matamoro, da Facultade de Belas Artes, e Rosa Elvira Caamaño, artista canguesa, foi o encargado de seleccionar un total de trece obras e cinco de reserva de entre os cincuenta e dous traballos artísticos recibidos no Concello.