Quico Cadaval enche de público o recinto de Santa Clara na apertura de Sete Falares
Por Redacción
Ao redor dun cento de persoas quedaba sen poder acceder ao recinto da igrexa de Santa Clara este sábado 3 debido a que o público rapidamente completou a capacidade deste espazo para asistir á inauguración do ciclo Sete Falares, que se abría coa actuación de Quico Cadaval.
Como anécdota, Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico, tamén se atopaba nese grupo de persoas que xa non puideron acceder ao recinto onde o narrador de Ribeira volveu entusiasmar os asistentes coas súas imaxinativas e divertidas historias.
Este domingo 4 continuará o ciclo Sete Falares no mesmo espazo coa intervención de Caxoto. O luns 5 chegaralle a quenda Brais das Hortas; o martes 6, Ánxeles Goas; o mércores 7, Carmen Conde; o xoves 8, De dous en dous (Adriano Reis e Quico Cadaval), todos eles ofrecerán os seus relatos ás 21 horas en Santa Clara.
O venres 9, neste caso ás 18 horas, actuará Adriano Reis e logo ás 20 horas: Tres eran tres (Cristina Verbena, Pepito Mateo e Vitoria Siedlecki).
O sábado 10, será Pepito Mateo ás 18 horas.
E por último, o domingo 11: Vermú de Contos (Cristina Verbena), ás 13 horas. Vitoria Siedlecki, ás 18 horas e a Gala de Clausura con Adriano Reis, Cristina Verbena, Pepito Mateo, Quico Cadaval e Vitoria Siedlecki será ás 21 horas.
O sábado 10 ofrecerase unha proposta baixo o nome ‘Rota de historias’ que partirá desde a igrexa e percorrerá lugares de Pontevedra ao mesmo tempo que se comparten historias narrasdas por Adriano Reis, Cristina Verbena, Pepito Mateo, Quico Cadaval e Vitoria Siedlecki.