Ambienta ábrese a novos formatos e introducirá videoclips e series de televisión con Bob Pop como padriño
Por Alejandro Espiño
Ambienta faise máis grande na súa terceira edición. A Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra abrirá as súas portas a modalidades audiovisuais que, máis aló do cinema, están a crear novos referentes para este colectivo.
Así, xunto co cinema, haberá espazo para as series de televisión, os documentais ou a música, a través dos seus videoclips.
Todo iso protagonizará un amplo programa de actividades que se desenvolverá na Praza da Pedreira entre os días 12 e 16 de xuño.
Esta nova edición de Ambienta arrancará o luns 12 de xuño. Será, a partir das dez da noite cunha inauguración na que se proxectará o videoclip Aghrúuu do artista, cantareiro e bailador Mondra, unha proposta musical a medio camiño entre a música tradicional e electrónica. O propio Mondra dará un pequeno concerto para amenizar a velada.
A continuación, ás 22:30 horas, proxectarase a primeira das películas que integrarán este ano este ciclo de cinema. Trátase do filme británico Blue Jean, da directora Georgia Oakley, Premio do Público no Festival de Venecia 2022.
En Blue Jean, unha profesora de ximnasia séntese obrigada a manter a súa sexualidade en segredo, a diferenza da súa noiva, abertamente lesbiana, e que estalará en paranoia cando unha das súas alumnas empece a frecuentar un bar de ambiente ao que vai a parella.
Ao día seguinte, o martes 13 de xuño, será a quenda da película Anhell69, dirixida polo colombiano Theo Montoya, un referente do cinema latinoamericano que foi premiado entre outros nos festivais de cinema de Mar de Prata (Arxentina) ou Xixón. Será a súa estrea en Galicia e chega da man do Cineclube Pontevedra.
A comunidade queer de Medellín, en Colombia, é a protagonista deste filme narrado en primeira persoa e explora os soños, as dúbidas e os medos dunha xeración de disidentes atrapados nunha cidade marcada pola violencia.
Na televisión centrarase a xornada do mércores 14 de xuño. Farao, desde as 21:30 horas, cun encontro con Bob Pop, escritor, creador, guionista, crítico e colaborador de televisión, que falará sobre o proceso de creación da serie Maricón Perdido.
A continuación emitirase o primeiro episodio desta ficción, recoñecida co Premio Ondas á mellor serie de comedia. Esta ficción reconstrúe a traxectoria vital do seu creador, un mozo de pobo aspirante a escritor en busca dunha identidade propia.
A película animada Flee, do director danés Jonas P. Rasmussen, é a opción elixida, en colaboración con Avante LGBT+, para a sesión do xoves 15 de xuño. O público poderá gozar dun filme que arrasou nos premios do cinema europeo e que foi nomeado aos Óscar e aos Globos de Ouro.
Nela, os seus creadores abordan a historia dun refuxiado afgán e, a través do formato documental e a animación para ocultar a súa identidade, narra as súas dificultades para chegar ata Europa e comunicar á súa familia que é homosexual.
Ambienta 2023 concluirá o venres 16 de xuño coa festa '7 notas, 7 cores', definida como "petardeo e música de cine", e coa estrea da curtametraxe Moitos moito, da realizadora galega Alma Alonso.
Ademais, proxectarase unha selección de catro curtas de temática LGBTIQA+ seleccionados polo FICBUEU, Lique de Anita Pico (Galicia), L’amie de l’été de Maxime Hermet (Francia), Siebzähni de Nicole Beutler (Suiza) e Desviación típica de Paco Ruiz (España).
No caso de choiva, ao celebrarse todo este ciclo ao aire libre, reprogramaranse as actividades do luns e mércores, pasando a celebrarse no interior do Pazo de Mugartegui. As proxeccións do martes, xoves e venres suspenderíanse.
Relacionadas:
-
Bob Pop: "Facer a primeira tempada de 'Maricón perdido' foi un erro do sistema onde me coei e estou supercontento"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O polifacético creador Bob Pop coñece o modelo de cidade
Por Anxo Lourido |
-
Unha semana de Orgullo en Pontevedra para "tecer diversidades" contra a violencia
Por Alejandro Espiño |