O Vilagarcía Sound Festival converterá Fexdega nunha macrodiscoteca para 7.000 persoas
Por Oskar Viéitez
O próximo 21 de febreiro o recinto de Fexdega en Vilagarcía de Arousa converterase nunha macrodiscoteca para 7.000 persoas. A primeira edición do Vilagarcía Sound Festival reunirá artistas "discotequeros", como Henry Méndez, Danny Romero, José de Rico, DCS, Robert Ramírez ou Drumkillers.
Dance latinoamericano, electrolatino, reggaeton, soarán no recinto de Fexdega da man do dominicano Henry Méndez e do canario Danny Romero. Do primeiro son cancións como "Rayos de Sol", "Noche de estrellas" ou "Te fuiste" DCS é o artífice de "Angelitos sin alas" e Danny Romero é o intérprete de temas como "Agáchate" ou "Ella pide más".
As entradas saen á venda o luns por un prezo de 15 euros en venda anticipada por internet e 20 na billeteira.
Os representantes da empresa organizadora, Sonaxe, presentaron o venres este evento acompañados da tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Elena Suárez e explicaron que poderán acceder ao recinto menores de idade, acompañados dun pai ou titor se teñen menos de 16 anos.
Os adolescentes de 16 e 17 anos poderán entrar cun adulto ou ben ir sós pero facendo entrega dunha autorización. Todos os menores levarán unha pulseira verde, mentres que os maiores de 18 anos portarán un vermello.
Para a próxima semana está prevista unha nova reunión entre organización e Concello para detallar o dispositivo de seguridade para o que Sonaxe xa ten contratada unha empresa privada.