Apuntados preto de 1.900 escolares a Time Travellers
Por Oskar Viéitez
Preto de 1.900 escolares de 32 colexios da cidade de Pontevedra e a súa comarca terán a oportunidade de acudir á representación da obra Time Travellers.
O espectáculo, que se desenvolve integramente en inglés, terá lugar os vindeiros días 20 e 21 de xaneiro en dúas funcións, ás 10.00 e ás 12.00 horas, no Centro Social da Fundación Novacaixagalicia na cidade do Lérez.
Time Travellers, da compañía Blue Mango Theatre, conta a historia de Liz, unha rapaza aparentemente normal que posúe unha característica moi especial: pode viaxar no tempo. No seu percorrido a través dos séculos axudará a famosos personaxes da historia, mais alguén a está seguindo Os rapaces acompañarana nas súas aventuras ao longo de máis de cinco mil anos de historia e coñecerán os personaxes que fixeron do mundo o que hoxe en día é: desde exploradores e artistas ata heroes e inventores.
Unha obra entretida con contidos transversais sobre o pasado e todo o que pode achegar ao coñecemento presente.
A seguinte cita na cidade pontevedresa, tamén no seu Centro Social, será coa representación de Sandra e Meirol en Xistralia, da compañía Gaiteiros da Xistra, programada para os días 30 e 31 de xaneiro.