Ana Moura enche o Principal ante as protestas do público que quedou sen entrada
Por Diego Torrado
A cantante portuguesa Ana Moura conseguiu un éxito absoluto no concerto que este sábado ofrecía no Teatro Principal coa presentación ante o público pontevedrés do seu último disco Desfado. Non decepcionou o seu directo, unha actuación na que os pontevedreses comprobaron por que se lle considera como unha das mellores voces do fado. Pasea libremente pola tradición do xénero, pero flirteando elegantemente coa música pop, ampliando o espectro do fado, tan típico de Lisboa, dun xeito moi persoal.
Non obstante, o cheo que se rexistrou no interior do Teatro tivo o seu contraste nas protestas que varias persoas mostraron ante o despacho do Principal, ao comprobar que non quedaban entradas para poder asistir ao recital.
Foi necesaria a intervención mediadora da Policía Local ante os berros de protesta que algúns destes cidadáns emitiron durante o inicio do concerto ante a imposibilidade de entrar no recinto. As entradas esgotáranse todas a través do sistema de venda anticipada de Servinova e, segundo o Concello de Pontevedra, xa non é obrigatorio gardar localidades para a venda en despacho.
Pola súa banda, os afectados mostraban o seu malestar, segundo testemuñas presenciais, ante o menoscabo que entenden prodúcese así con aqueles espectadores que queiran comprar as súas entradas no despacho onde se realice a actuación, sen ter que pagar a comisión de gastos que se abona ao realizar a compra a través de Servinova.
Este concerto de Ana Moura inclúese dentro do ciclo Imperdibles, que trae a Pontevedra ao longo dos próximos meses as actuacións de Fanfarlo, Vetusta Morla, Zoé e Eli 'Paperboy' Reed.