A Iugoslavia dos 90 chega a Pontevedra con "O profesional", do Centro Dramático Galego
Por Alejandro Espiño
O Centro Dramático Galego volve a pisar os escenarios de Pontevedra. Será o venres 30 de novembro no Centro Social Novacaixagalicia. Presentarán o seu novo espectáculo, O profesional. Creada a partir da obra de Dusan Kovacevic e dirixida por Manuel Guede Oliva, Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel interpretan un texto que indaga na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos
No ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da guerra dos Balcáns, a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia incorpora por vez primeira ao seu repertorio un autor da antiga Iugoslavia a través dun drama político e policial, pero con grandes doses de comicidade e ironía.
O profesional está ambientada no Belgrado de 1990, dez anos despois da morte do mariscal Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos.
Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.
Rebeca Montero, como Marta, e Rodrigo Roel, como "o tolo", completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que indaga na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, así como na grandeza e miseria do espírito humano.
A escenografía da obra, o primeiro traballo da nova etapa de Guede Oliva á fronte do Centro Dramático Galego, está dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, o que reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.
As entradas para O profesional, que están á venda desde 8 euros, pódense adquirir a través de Servinova, a billeteira electrónica de Novacaixagalicia.