
© Consello da Cultura Galega
Presentan en Pontevedra 'Keltia', obra descoñecida de Antonio Iglesias Vilarelle

Por Redacción
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo, e o autor Jose Antonio Cantal Mariño, presentaron este venres no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o libro 'Keltia. Preludio sinfónico'.
A obra versa obre unha peza descoñecida de Antonio Iglesias Vilarelle, e pódese descargar desde a páxina web do Consello da Cultura Galega.
Un traballo que para Cantal supón unha homenaxe "a Galicia, á súa tradición, á súa identidade e á súa orixe".
"Unha das teimas de Antonio Iglesias Vilarelle era a de levar a música popular a unha expresión máis artística e Keltia é un bo exemplo desa intención súa", explicou na presentación.
Aínda que Vilarelle compuxo 'Keltia' en 1939 e enviouna a numerosos sitios, a obra non foi estreada ata 1946 en Bilbao, da man da Orquestra Municipal de Bilbao. Existían varias copias da partitura, pero para esta edición empregouse unha das copias en poder do Museo de Pontevedra, cotexada coa que se atopou en Bilbao.
O propio José Antonio Cantal destacou que "con esta edición contribuímos a revitalizar a figura dunha persoa que non se dedicaba a composición, polo que non se pode comparar con outros compositores do momento, pero poucos fixeron este traballo de revitalizar e levar a un teatro ou a un auditorio melodías populares que saen do pobo ou reducidas a un contexto popular".