Un gol de Fran Fandiño no minuto 90 dá a vitoria ao Pontevedra (0-1) ante o Bertamiráns
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Casta, raza, intensidade, actitude, motivación, concentración. Poderiamos seguir engadindo adxectivos eloxiosos e todos eles merecidos para un Pontevedra que, por riba de todo, cada xornada que pasa está máis convencido das súas posibilidades, sabe cales son as súas armas e disimula mellor os seus puntos débiles.
Aínda que o triunfo tivese que chegar sobre a bucina. Un gol de Fran Fandiño no minuto 90 de partido deu aos granates unha vitoria importante en Bertamiráns. Tres puntos nun campo complicado que achegan aínda máis aos de Manu Fernández ao liderado da Terceira División.
Pero mesmo ese gol no último suspiro non é senón reflexo do espírito dun equipo que non se relaxa, que loita ata o final, que non dá respiro o rival e que é capaz de adaptarse ás condicións nas que haxa que disputar cada partido: campo, rival, ambiente e, como nesta ocasión, unha climatoloxía que esixía un esforzo extra a todos os xogadores.
Tanto é así que o partido estivo a punto de non se celebrar. O árbitro tivo que comprobar unha hora antes do comezo o estado do terreo de xogo do Municipal de Bertamiráns, xa que a chuvia causara estragos no campo. Ao baixar a intensidade da chuvia e quizais debido ao forte vento que comezou a soprar nada máis comezar o partido, e que acelerou a evacuación da auga acumulada nas bandas, púidose disputar o encontro.
O Pontevedra tomou as rendas dende o asubío inicial, demostrando que saía a polo partido. Ambos os dous equipos apostaban por non se complicar atrás e buscar o fútbol directo, quizais o único que se podía facer nesas condicións. Seriedade defensiva e axudas constantes. Eran as armas que permitían aos de Manu Fernández roldar con máis perigo a área rival.
E o primeiro gol puido chegar aos 11 minutos, cando David Pérez recibe un centro de Kevin Levis, pero con todo a favor coloca tanto o balón que o manda ao poste.
Os de Javi Touriño apenas inquietaron, aínda que tiveron tamén a súa oportunidade nun balón que chegou a Astray, minuto 17, pero en lugar do remate directo optou por controlar, o que lle permitiu a Caco botárselle enriba, dificultando o seu remate posterior de chilena, que marcharía alto.
Preto do descanso a oportunidade sería para un activo Kevin Levis, que remataría de cabeza un centro de Caco, pero por enriba da travesa.
Tras o descanso o desgaste empezou a pasar factura a ambos os dous equipos, pero aínda así a intensidade do partido non decaeu. Con menos dominio, o Pontevedra tivo de novo as mellores ocasións. Primeiro no minuto 62, cando Caco cae dentro da área local, ao ser derrubado por Astray que meteu a bota a destempo. Era penalti claro, pero o árbitro mirou ao seu asistente e deixou seguir o xogo.
Logo chegaría un corner lanzado por David García, que toca Pablo Carnero no primeiro pau e Pablo non chega no segundo por centímetros para remachar.
O Bertamiráns intentou irse arriba nos últimos compases, con coraxe, pero sen demasiada precisión. Era o que necesitaba o Pontevedra, que con espazos por diante xogaba máis cómodo. Avisou Pablo Carnero, cun remate á media volta dende a frontal que marchou arriba, xusto un minuto antes da xogada clave.
Os locais buscaron nun corner o que non encontraron en xogada en todo o partido. Fóronse en busca do remate e encontráronse cunha contra letal dos granates. Kevin Levis fíxoo case todo, abrindo un balón sensacional que Fran Fandiño resolveu de forma sensacional, nun disparo cruzado coa esquerda, imposible para Dani. Era o minuto 90 e o xusto premio a un Pontevedra ambicioso que nunca deu por bo o empate.
Mesmo no desconto, nunha nova contra, puido ampliar o marcador nun remate de Kevin Levis que saíu moi preto do pau esquerdo local.
Da tensión e intensidade coa que viviron o partido os xogadores dá boa fe o feito de que ao sinalar o árbitro o final, o porteiro granate, Edu, se derrubou no campo, vítima dun mareo provocado pola concentración e responsabilidade á que se viu sometido. Afortunadamente, tras ser atendido pola fisioterapeuta, Nerea Videira, recuperouse sen maiores problemas.
Con esta vitoria, o Pontevedra suma 49 puntos. Supera o Boiro e colócase segundo, empatado a puntos co novo líder, As Pontes.
BERTAMIRÁNS F.C. (0): Dani (2); Jacobo (2), Guti (2), Otero (1), Gemelo (1); Emilio (2); Saro (1), Pablito (3), Iván (1), Astray (1); e Adán (2).
Substitucións: Álex Pérez (2) por Iván, minuto 60. Jesús (1) por Astray, minuto 74.
PONTEVEDRA C.F. (1): Edu (2); Caco (2), Yago Vázquez (3), Pablo (3), Adrián (2); Javi Otero (2), Pablo Lede (3), David García (3), David Pérez (2); Kevin Levis (3) e Pablo Carnero (2).
Substitucións: Tubo (2) por Javi Otero, minuto 62. Fran Fandiño (3) por David Pérez, minuto 69.
Árbitro: ÿscar López Fernández (A Coruña), auxiliado nas bandas por Marcos Ordóñez Rodríguez e Álvaro Gil Soriano. Amoestou os xogadores locais Emilio e Guti.
Goles: (0-1) Minuto 90: Fran Fandiño.
Incidencias: Campo Municipal de Bertamiráns (Ames). Uns 250 espectadores, entre os cales case a terceira parte eran seguidores granates. Gardouse un minuto de silencio polo exxogador e adestrador do club local, Adrián Amboage.
VESTIARIOS
Touriño: "Foi moi igualado aínda que si é verdade que eles deron máis sensación de perigo"
JAVI TOURIÿO: O adestrador local lamentou ante os medios de comunicación que o gol do Pontevedra chegase case na última xogada, pois ao seu xuízo "o resultado máis xusto tivese sido un empate. Foi unha pena porque a idea que tiñamos era cortarlle o contraataque ao Pontevedra, sabemos que ten xogadores moi rápidos, e precisamente nunha acción que temos a nosa ocasión máis clara engánchannos unha contra e aproveitando a súa calidade individual fixéronnos o gol".
Para Touriño "o partido estivo moi condicionado polo campo, polo día, creo que foi moi igualado aínda que si é verdade que eles deron máis sensanción de perigo".
MANU FERNÁNDEZ: Pola súa banda Manu Fernández destacou o traballo de todo o equipo, especialmente na faceta defensiva, dadas as difíciles condicións do terreo de xogo: "os goles nesta categoría veñen de balón parado, estratexia, erros do rival e canto menos che equivoques máis opcións tes de levarte os puntos. Nese sentido os seis de atrás, os catro e os dous mediocentros fixeron un traballo espectacular. Creo que saímos moi moi ben, tivemos opcións de adiantarnos pero ao final pasan os minutos e tivemos a fortuna de acertar ao final cando menos o esperabamos, así que moi contentos a verdade".
Manu Fernández: "Non nos preocupa agora mesmo ser líderes, preocúpanos selo a final de ano"
O técnico granate quixo restar importancia ademais ao feito de alcanzar o liderado: "non nos preocupa agora mesmo ser líderes, preocúpanos selo a final de ano, ou non o ser e estar no play-off. Levamos un gran déficit de puntos, hai catro meses estabamos a sete puntos do líder, estivemos a oito do segundo, non nos preocupou e non debe facelo agora, quedan moitos partidos por xogar, temos que ir sumando de tres en tres e os rivais algún día deixaranse puntos, así que se non é hoxe será outro día,".