O Teucro logra ante o Barakaldo a súa segunda vitoria da tempada
Por Diego Espiño
Importante vitoria a conseguida pola Sociedade Deportiva Teucro ante o Calmec Barakaldo no Pavellón Municipal (25-22). Con estes dous puntos, o equipo dirixido por Javier Barrios logra escapar dos postos de promoción de descenso e supera aos vascos na clasificación.
Arrincou moi concentrado o equipo pontevedrés desde os minutos iniciais de partido e dende o primeiro ataque logrou poñerse por diante no electrónico. O adestrador teucrista, unha vez recuperado efectivos tralas diversas lesións e molestias de varios dos seus durante a semana, deu coa tecla no 6-0 defensivo e apoiado na enorme actuación do seu guardameta Juan Bar, ata 17 paradas moitas delas de gran mérito, logrou conter as acometidas ofensivas do Barakaldo.
O equipo visitante mantívose no partido grazas a que o seu central Jon Ortuondo botouse aos seus ás costas na segunda metade, seis tantos en 30 minutos, e a punto estivo de dar un desgusto aos afeccionados azuis nuns últimos minutos de vértigo nos que unha defensa mixta do conxunto vasco provocou dúas perdas consecutivas de balón en ataque que apertaron o marcador (24-22). Afortunadamente para o Teucro a vitoria non chegou realmente a perigar.
Os pontevedreses toman así aire logo dun difícil inicio de competición. O próximo reto para os de Javier Barrios será manter a imaxe ofrecida ante o Barakaldo no próximo compromiso ligueiro en Santander ante o Adelma Sinfin e lograr estrearse a domicilio na presente tempada.
SD TEUCRO: Juan Bar, Toño Fernández (3, 1P), Alejandro Pombo, Miguel Porto (5), Tomás Moreira (2), José Manuel Rial (4), Didac Villar (3), Sío López (2), César Armán, Carlos Pombo, David Chapela (6), Borja Pedreira, Siscu, Tomás Dobarro.
CALMEC BARAKALDO: Gontzal Aurrekoetxea, Unai Portuondo (1), Endika Sarasola (1), Lander Borda (3), Piritz Zurita (4), Mikel Macías (3), Jon Ortuondo (7, 2P), Joseba Rodríguez (2), Fernando Martínez, Borja Lucas (1), Xabier Bordegaray, Igor Barcenilla, Jon Urretxa, Iker Momeñe.
Árbitros: Gerardo Eloy Bohígas e Joaquim Castañer.
Marcador cada cinco minutos: 2-1, 4-3, 6-4, 8-5, 10-6, 11-8, descanso, 13-10, 15-11, 18-13, 20-16, 22-18, 25-22.
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra. Alrededor de 350 espectadores.