O Feel Cortegada arroia ao Celta Selmark
Por Ramón Estévez
Un Feel Cortegada Celta Selmark trae á mente grandes recordos de moitos partidos grandes, encontros que non hai moito se celebraban no marco da Liga Feminina e que eran unha festa do baloncesto galego. Agora a situación é ben distinta, ambos clubes loitan con uñas e dentes por sobrevivir na segunda categoría. De todos os xeitos, este sempre será un enfrontamento marcado cunha "x" no calendario xa que un partido desta enxunlla sempre gusta gañalo e gozalo, polo que a afluencia de público ao pavillón vilagarcián foi notable.
No estritamente deportivo só houbo un protagonista na pista e ese foi o equipo local. As viguesas adiantáronse no marcador anotando a primeira canastra do choque, pero as de Pepe Vázquez, que ata esta xornada eran o mellor equipo nacional de todas as categorías desde a liña de 3, demostraron o por que anotando tres canastras consecutivas desde máis aló de 6,75 deixando o electrónico nun 11-2 que xa facía augurar o devir do encontro. Ao final do primeiro cuarto, as distancias mantivéronse e chegouse ao final dos primeiros 10 minutos co Feel Cortegada 10 puntos arriba.
O segundo foi o cuarto que decidiu o choque. Cun Celta Selmark atascado en ataque, as vilagarciás lograron abrir brecha no marcador cunha anotación moi repartida entre todas as xogadoras que dispuxeron de minutos. Ao descanso 36-17, co partido case sentenciado.
A segunda metade comezou cun Feel Cortegada disposto a escaparse aúnn máis no marcador. Así, un parcial 9-2 de saída puña a máxima diferenza no luminoso (45-19). As olívicas, que por xogo non podían competir co seu rival, endureceron o choque e expuxeron unha guerra de guerrillas que conseguiu sacar do partido a un equipo local que tamén se relaxou en exceso. Ao final do terceiro período chegouse con 50-30.
O último foi o máis trabado dos cuartos. As viguesas seguiron empregándose con excesiva dureza, aproveitándose dunha permisividade arbitral que contribuíu a que o xogo quedase nun segundo plano. Tanto é así, que o parcial deses 10 minutos finais concluíu cun exiguo 11-6, anotando Celta Selmark os seus primeiros puntos cando xa transcorreran 5 minutos e medio do mesmo. Ao final, 61-36 e outra vitoria que logra o Feel Cortegada, primeira ante a súa afección.
FEEL CORTEGADA (61: 17+19+14+11): Andrea ríos (11), Dita Liepkalne (8), Marta Carregal, Alejandra Carballa, Eva Arines, Montse Gilabert (11), Onaissa Sbahy (4), María España (2), Salomé García (5), Amy Syll (4), Lucía Méndez (14), Ilenia Manzanares (2).
RC CELTA SELMARK (36: 7+10+13+6): Loureiro (4), Rodríguez (), Méndez (), Costas (6), Canella, Alonso (12), Oliva (4), centeno (2), diata (2) y Pérez (6).
Árbitros: Miguel Ángel Palenzuela e Cristina García.
Incidencias: Partido correspondente á cuarta xornada do grupo A da Liga Feminina 2, disputado no pavillón de Fontecarmoa ante uns 600 espectadores.