Okutu, ouro en lonxitude, e Lysvanys Pérez, cuarto en triplo salto; éxitos pontevedreses no Nacional de pista cuberta
Por Alejandro Espiño
Era un dos grandes favoritos e cumpriu con todas as expectativas. O marinense Jean Marie Okutu proclamouse campión de España absoluto de Pista Cuberta na primeira xornada dos Campionatos de España, que se están disputando na localidade catalá de Sabadell. Foi o mellor resultado para os atletas pontevedreses que saltaron á pista este sábado, aínda que notable foi a actuación dos deportistas da Sociedad Gimnástica.
Jean Marie Okutu, que pulverizou o recórd galego en salto de lonxitude, levouse a medalla de ouro grazas a un salto de 7.81 metros, a súa mellor marca persoal. Foi no cuarto salto da súa serie, aínda que os 7.63 metros que logrou no seu segundo intento xa serían suficientes para garantirlle o título. O principal rival do atleta do FC Barcelona, Eusebio Cáceres, quedouse nos 7.56 metros do seu terceiro salto.
Non lograron ningunha medalla, pero os oito atletas da Sociedad Gimnástica que competiron este sábado fixérono a un gran nivel. Especialmente, Lysvanys Pérez. O saltador de orixe cubana, logo de estar máis dun ano sen adestrar por lesión, regresou á élite do triplo salto cun fantástico cuarto posto. Foi grazas ao seu último salto, co que chegou ata os 15.77 metros. Quedouse a 37 centímetros do bronce.
Pola súa banda, David Alejandro foi quinto nos 60 metros. Quedouse a tan só tres centésimas das medallas. Na final mellorou os 6.91 segundos que logrou tanto nas eliminatorias iniciais como nas semifinais. A última carreira foi moi igualada e o atleta da Gimnástica rebaixou o tempo ata os 6.87 segundos, loitando polas medallas ata o último suspiro. Na mesma proba, Jean Marie Okutu foi oitavo con 6.96 segundos.
Ademais, Santi Ferrer realizou unha fantástica actuación na primeira xornada do Heptatlon. Suma xa 2.611 puntos e é décimo. Estivo preto das súas marcas persoais nas catro probas do sábado con 7.43 segundos nos 60 metros, 6.29 metros en lonxitude, 11.44 metros en peso e 1.83 metros en altura. Para o domingo quédanlle as probas de 60 metros valas, o salto con pértiga e os 1.000 metros. O seu obxectivo, superar os cinco mil puntos.
Nos 800 metros, Eduardo Suárez tivo que esperar ata o final para confirmar a súa participación na loita polas medallas. Correu a segunda semifinal, onde non puido con Kevin López, gañador da serie. Quedou terceiro con 1.51.61, co mesmo tempo do segundo. Tralo cómputo por tempos confirmouse a súa clasificación para a final do domingo. Non poderá acompañalo o seu compañeiro Sergio García, terceiro na cuarta eliminatoria.
Peor sorte correu Iván Maceiras, que esta vez non puido chegar aos 7 metros na proba de salto de lonxitude. Tívose que conformar con 6.79 metros, sendo o undécimo clasificado nos seu primeiro Nacional absoluto.
Ademais de Eduardo Suárez na final de 800 metros e as tres probas que aínda lle quedan por disputar a Santi Ferrer no Heptatlon, outros tres atletas da Gimnástica competirán este domingo. Trátase de Julián Ortiz nos 60 metros valas e de Lysvanys Pérez e Manuel Molinos en salto de altura.