Bo ambiente na primeira xornada do Nacional Infantil e Júnior de natación
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Co ambiente e o colorido propio das grandes citas, a piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur, en Ponte Muíños, acolleu a primeira xornada do Campionato de España Infantil e Júnior de natación.
Ata o domingo 2 de marzo máis de 700 nadadores de 192 clubs competirán na instalación pontevedresa nunha proba na que ademais do propio espírito de superación, os deportistas se xogan a súa clasificación para os eventos internacionais da tempada, tales como o Europeo Júnior de Holanda ou a Comet Cup infantil.
O público asistente seguiu con atención as evolucións na dobres sesión deste xoves, con clasificatorias pola mañá e finais pola tarde.
Nas diferentes probas participou xa boa parte da representación do club local, o Natación Galaico.
Así Nuria Erselle e Águeda Cons finalizaron nos postos 11 e 34 respectivamente dos 400 estilos en idade infantil, mentres a júnior Paula Goyanes, na mesma distancia, logrou o décimo terceiro posto.
Erselle repetiu participación nos 100 costas, aínda que renunciou a competir na quenda de tarde, mentres o relevo feminino do 4 x 200 infantil clasificou nun meritorio cuarto lugar cun equipo formado por Erselle, Cons, Inés Gómez e Sheila Moldes.
Relacionadas:
-
Satisfacción no Galaico, que conclúe o Nacional Infantil e Júnior cun sexto posto por equipos
Por Diego Espiño |
-
Medalla de bronce para o 4x100 infantil do Galaico
Por Redacción |
-
Intensa xornada no segundo día do Nacional Infantil e Júnior
Por Redacción |
-
Ponte Muíños prepárase para o Campionato de España Infantil e Júnior de natación
Por Diego Espiño |