Presentan oficialmente a I Ruta BTT Cidade de Pontevedra
Por Diego Espiño
Máis de 200 ciclistas afeccionados inscribíronse xa para participar na I Ruta BTT Cidade de Pontevedra, que foi presentada oficialmente este mércores.
A organización, a cargo do Club Ciclista Farto, desvelou ademais boa parte do circuíto desta primeira edición, que se celebrará o próximo domingo 30 de marzo pola zona de Castiñeiras.
Tras saír dende a Avenida Monteiro Ríos, os participantes dirixiranse cara ao lago pola rúa Riestra, Praza de Galicia, Fernández Ladreda e Estrigueiras para comezar a ascensión por uns sendeiros que se están a acondicionar estes días.
Tras chegar a Castiñeiras e realizar o avituallamento no campo de tiro, a ruta continuará cara Cotorredondo antes de descender por Salcedo e as proximidades da Brilat e entrar na cidade por Eduardo Blanco Amor, Xeneral Rubín, Rosalía de Castro e Alameda, finalizando no mesmo lugar da saída, a Avenida Monteiro Ríos.
En total serán 35 quilómetros de dificultade media "pensados para que todo el mundo pueda participar", tal e como recoñece Abel Farto, quen xunto con Miguel Sobral pediu "comprensión" aos afeccionados da bicicleta de montaña para que respecten os camiños que se están a habilitar ata o día da proba, porque "si van ahora mismo como están muy mojados se desharían y lo que queremos es que estén perfectos el día 30", recoñece Sobral.
A intención do Club Ciclista Farto pasa por consolidar a Ruta BTT Cidade de Pontevedra e, a partir de aí, "variar la zona e ir hacia el Pontillón, Cotobade o A Fracha" en futuras edicións.
No que respecta á actual, a inscrición manterase aberta ata o día 24 a través da páxina de Facebook do evento e ata o 27 en Bicicletas Farto.
Entre os servizos que poñerán a disposición dos participantes, a organización confirmou que haberá espazo para o lavado de bicicletas en Monteiro Ríos e servizo de duchas no pavillón Multiusos da Xunqueira.