Pontevedra, Coruña e Santiago unen as súas forzas para potenciar o waterpolo feminino
Por Redacción
O Waterpolo Galaico Pontevedra acollerá este sábado na piscina de Pontemuíños o primeiro adestramento conxunto coas xogadoras dos seus rivais en liga, o Waterpolo Santiago e o Club Natación Coruña en categoría feminina.
A intención dos técnicos é buscar maior motivación para a práctica deste deporte entre as mozas ante o curto do campionato galego, con só dúas xornadas de competición.
Durante as concentracións, que se rotarán entre as tres cidades, os adestradores irán confeccionando unha selección autonómica que participará no Campionato de España en lugar do equipo campión da liga galega, despois de que os dous últimos anos o Galaico tivese que renunciar ao torneo polo reducido do seu plantel.
Ao participar cun combinado representando a Galicia e non a un clube, o equipo que acuda á cita non poderá optar ao ascenso á Liga Nacional.