Preto de 1.000 ciclistas tomarán a saída na I Ruta BTT Cidade de Pontevedra
Por Diego Espiño
Todas as previsións do Club Ciclista Farto se viron derbordadas e a Ruta BTT Cidade de Pontevedra achegarase aos 1.000 participantes na súa primeira edición.
Unha vez pechada a inscrición por internet eran xa uns 600 os ciclistas que confirmaran a súa presenza, pero nas últimas horas habilitadas para anotarse na tenda Bicicletas Farto foron moitos os que se achegaron para formalizar a súa participación na marcha, superando os 900 corredores.
A proba partirá ás 9:30 horas da mañá do próximo domingo, 30 de marzo, dende a Avenida Monteiro Ríos.
O percorrido, de 35 quilómetros e dificultade media, atravesará varias rúas da cidade para ascender o Lago de Castiñeiras por uns sendeiros que foron preparados e axeitados para a ocasión. Dende alí continuarán cara a Cotorredondo para descender por Salcedo e as proximidades da Brilat e rematar de novo no centro da cidade.
Segundo recoñeceu dende a organización Abel Farto, estas cifras animan o club pontevedrés a darlle continuidade á ruta o próximo ano "siempre que la gente y el Concello siga apoyándonos así".